Ir o contido principal

O 1 de abril é o #DíaDasArtesGalegas

O Día das Artes Galegas é unha celebración instituída pola Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Dende 2015, conmemórase cada 1 de abril.

Cada ano dedícaselle o día a un/unha artista de Galicia. Este ano está dedicado ao arquitecto barroco Domingo de Andrade. As actividades e homenaxes programados para este día están adiados por mor das circunstancias actuais, pero podemos botar unha ollada a este personaxe, por exemplo, dende twitter.com/CidadedaCultura.

Domingo Antonio de Andrade (Cee, 1639 - Santiago de Compostela, 1712) é autor de obras como a Torre do  Reloxo (1680) da Catedral de Santiago de Compostela, coñecida popularmente como a Torre da Berenguela. Ademais, tamén é autor da Casa da Parra da capital galega e de pezas como a sala capitular e a sancristía da Catedral de Lugo.

Andrade, ou “a excelencia do Barroco”, é, con Fernando Casas Novoa, o gran mestre da arquitectura barroca en Galicia. Sobresae o seu labor na cidade de Santiago e a súa catedral. A Compostela que buscaba no barroco unha saída á súa imaxe gastada atopará diversas solucións neste arquitecto. O cabido catedralicio poñerá en mans deste artista, mestre de obras da basílica desde 1676, as máis significativas iniciativas de transformación da deteriorada imaxe do contorno catedralicio. Coa Porta Santa e a Torre do Reloxo, unificou e deu continuidade ao contorno da praza da Quintana, un dos conxuntos máis icónicos da catedral compostelá, mantida sen cambios significativos desde o século XVII.