Ir o contido principal

A mostra “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT” xa se pode visitar na Casa dos Alonso

Momento da inauguración

A exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, conmemorativa do  centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, abriu o 27 de xullo as súas portas cun acto de inauguración no que interviron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Monserrat Magallanes, o deputado provincial de Turismo, Santos Hector e o arqueólogo comisario da exposición, Rafael Rodríguez.

Na mostra expóñense parte dos fondos cos que conta o MASAT, máis aló dos xa amosados na súa exposición permanente. “Trátase de sacalos á luz e dalos a coñecer ao público en xeral; de que falemos todos, comezando polas pedras”, explicou o arqueólogo, facendo especial fincapé na importancia da labor realizada polas guardesas e guardeses que, durante anos, axudaron co seu traballo a configurar o primeiro museo arqueolóxico de Galicia. E é que o MASAT serviu de impulso para as investigacións acometidas posteriormente noutros xacementos do noroeste da comunidade, a partir das cales contamos con numerosos testemuños da cultura castrexa na nosa terra.

Na última sala da mostra recóllense varias pezas procedentes doutros xacementos da provincia, con mostras senlleiras de cada un deles, “para que comprendamos que o Trega e o MASAT foron moi importantes, e continúan séndoo, para un período cronolóxico e cultural como é a Idade do Ferro e a cultura castrexa no noroeste”,  recalcou Rodríguez.

A xornada comezou co concerto do guardés Avelino Ferreira. Acompañado do seu oboe, foi o encargado de dar comezo á inauguración pasadas as 19 horas, coa interpretación da Cantata no. 156 de Bach. O mesmo músico puxo fin ó acto inaugural interpretando a peza do filme “La Misión”, de Ennio Morricone, para dar paso á apertura oficial da exposición ao público.

A mostra “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT” divídese en tres bloques temáticos, nos que se amosan a historia do museo, os obxectos das campañas arqueolóxicas levadas a cabo ata o 2016 e a función do Trega como “faro” de coñecemento da Idade de Ferro na provincia. A exposición permanecerá aberta ó público ata o 27 de agosto, de martes a  sábado cun horario de mañá de 12 a 14 horas e, xa pola tarde, de 19 a 22 horas. Os domingos e días festivos a mostra poderá visitarse en horario de mañá.