Ir o contido principal

I Encontro Internacional de Cestería no Camiño

Mostra de cestería

O sábado día 2 de xullo déronse cita no Cebreiro trece cesteiros e cesteiras nacionais e doutros países. O encontro estivo organizado polo Museo do Castro de Viladonga. Durante seis horas puidéronse apreciar os seus traballos xa feitos e púidose ver con que mimo, precisión e mestría elaboraban outros novos e a diversidade de materia prima empregada, desde palma a follas de millo, pasando por xunco, palla, silva, esparto, vime de diferentes clases e cores ou incluso a tanza de nailon. O obxectivo que o museo perseguía era amosar á sociedade os deseños, técnicas, materiais e as investigacións que se están a desenvolver desde a artesanía. No acto estiveron acompañados polas regueifas de Kike Estévez e Lupe Blanco.

Como remate abriron un tempo de debate Xosé Carlos Sierra Rodríguez, antropólogo, etnólogo e exdirector do Museo Etnolóxico de Ribadavia; Mercedes Veites Pérez, tecelá fundadora da marca Lumecú que desenvolve un proxecto de cooperación co Museo de Vilar de Santos en colaboración coa asociación Limiar de Vilar de Santos, e María Martín Seijo, arqueóloga especialista en arqueobotánica, profesora e investigadora na universidade de Cantabria, que estuda as evidencias arqueolóxicas relacionadas coa corda e coa cestería. Entre outros moitos puntos de interese que se debateron quizais pode destacarse a necesidade imperante actual de formación que garanta a transmisión e conservación das técnicas tradicionais.

O Museo do Castro de Viladonga agradeceu a participación ás persoas asistentes ao encontro, coas que viviron unha xornada especial, pero tamén á Asociación de amigos do museo e castro de Viladonga, ao Concello de Pedrafita do Cebreiro e ao seu alcalde, á responsable da oficina de turismo do Cebreiro e á veciñanza polas súas colaboracións.