Ir o contido principal

Homenaxe dos museos a Domingo de Andrade polo Día das Artes Galegas

O 1 de abril foi o Día das Artes Galegas e os museos achegaron as súas propias homenaxes ao grande arquitecto barroco Domingo de Andrade. As actividades programadas para este día están adiadas por mor das circunstancias actuais, pero houbo recoñecementos á súa obra nas redes sociais.

Por exemplo, o Museo das Peregrinacións e de Santiago conta cunha das panorámicas máis privilexiadas dunha das súas obras mestras na cidade: a Torre do Reloxo (1680) da catedral. A medida que se ascende polas plantas do museo descóbrese, a través do lucernario, a monumental torre de Andrade que segue deixando sorprendido a quen se achegue.

Facebook do Museo das Peregrinacións e de Santiago

Tamén no Museo das Peregrinacións se custodia un gravado de Andrés Riola sobre a base dun debuxo de Domingo de Andrade, unha faceta menos coñecida deste, pola gran dimensión que tomou a súa obra edilicia. O gravado, datado na primeira metade do século XVIII e de gran complexidade compositiva, recolle unha das escenas máis vencelladas á figura de Santiago, na que, segundo a tradición, a Virxe do Pilar se lle aparece ao Apóstolo. Para ver esta peza máis en profundidade e a súa descrición e características, pódese consultar no catálogo en liña CERES.

Relacionado coa actividade máis recoñecida de Andrade, a arquitectura, o Museo Arqueolóxico de Ourense achega “Il Terzo Libro”, unha das xoias do seu patrimonio bibliográfico e gráfico. Libro do pintor e arquitecto boloñés Sebastiano Serlio (1475-1554), iniciador da tratadística arquitectónica italiana do século XVI e considerado como o teórico máis importante do Cinquecento para a arquitectura española.

Facebook do Museo Arqueolóxico de Ourense

O Museo Etnolóxico de Ribadavia rende a súa particular homenaxe a Andrade, neste caso a través da obra barroca en Ribadavia, publicando unha fotografía do seu arquivo do retablo da igrexa de San Domingos en Ribadavia (Foto Chao), hoxe desmontado.

Aínda que obra de Francisco de Castro Canseco (1665-1724), imaxineiro, escultor e mestre arquitecto, toda a produción deste mestre ten relacións claras coas propostas de Domingo Antonio López de Andrade. Na ligazón ao artigo explícase máis polo miúdo a súa produción.

Ademais, achegándose á súa actividade, o Museo do Castro de Viladonga resalta o seu traballo, esta vez na cidade de Lugo, onde destacan as obras que realizou para a sala capitular e a sancristía da catedral da cidade ou os tres retablos da igrexa parroquial de Tirimol (Lugo) achados e estudados pola historiadora Maite García Campello.

Mª Dolores Vila Jato, no seu traballo sobre Lugo barroco, recalca a importancia de Domingo de Andrade na “renovación” artística que supuxo para a arquitectura lucense “optando por renovar la fábrica catedralicia de acuerdo con las nuevas tendencias imperantes entonces en Santiago”.

Facebook do Museo do Castro de Viladonga