Ir o contido principal

A Fundación Cela presenta unha mostra sobre a ría de Vigo e inaugura o horario de verán no museo de Iria Flavia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer en marcha a exposición 'A Ría de Vigo, en Imaxes', organizada pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela e a Área de Cultura do Concello de Padrón en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A sala de exposicións temporais da Casa dos Canónigos, onde se sitúa a sede da Fundación, acolle esta colección ata o 31 de agosto.

A compilación reúne 38 imaxes en cor e branco e negro tomadas polo fotógrafo padronés Germán Cruces Rajoán ó longo da Ría de Vigo, entre Cabo Home (Cangas) e Cabo Silleiro (Baiona). Nelas o bautizado como "fotógrafo da auga" ofrece unha mirada caracterizadora da paisaxe marítima viguesa diúrna e nocturna. Estas obras constitúen unha selección das 278 fotografías do artista recollidas no libro A Ría de Vigo en Fotografías, editado pola Deputación de Pontevedra no ano 2011.
Xunto coa escolma de imaxes expóñense diversas referencias documentais e gráficas de Camilo José Cela e os seus vínculos coa Ría de Vigo. Entre elas destacan os manuscritos das súas memorias ou fotografías con escritores e intelectuais na cidade viguesa, ademais de edicións e revistas.

Amigos do Museo
No acto de inauguración tamén se presentou a figura do 'Amigo do Museo da Fundación', coa que se pretende facer partícipe á cidadanía no proxecto de conservación e difusión do legado do Premio Nobel padronés. Aquelas persoas que, por medio dunha cota anual, decidan converterse en 'Amigo do Museo' obterán información puntual sobre as actividades e gozarán de descontos á hora de participar nestas, entre outros beneficios.
A Fundación ten habilitado un apartado na súa páxina web www.fundacioncela.wordpress.com onde se pode atopar máis información sobre esta figura.
Fundación pública e galega
A Fundación Camilo José Cela foi constituída en 1986 polo propio escritor padronés co propósito de conservar todos os seus manuscritos, libros e documentos persoais. Ademais destes fondos, conta con obras pictóricas e diversas coleccións que constitúen un importante legado artístico, cultura e persoal accesible a todos os públicos.
No ano 2012 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decretou o carácter público da Fundación, que pasou a denominarse Fundación Pública Galega Camilo José Cela, baixo tutela da Administración Autonómica.
Unha ampla oferta cultural
A Consellería avala o importante labor cultural emprendido pola Fundación a través dunha completa programación anual con visitas guiadas, mostras temporais, actividades e eventos variados.
A mostra 'A Ría de Vigo, en Imaxes' poderá visitarse na sala de exposicións temporais da sede da Fundación Pública Galega Camilo José Cela (Santa María, 22. Iria Flavia) ata o 31 de agosto, en horario de luns a venres de 10:00 a 21:00 h.