Ir o contido principal

A Fundación Camilo José Cela comeza o X Letreseo

Ofrenda floral

A Fundación Pública Camilo José Cela arrancou as celebracións da décima edición de "Letreseo. A semana das Letras do museo", a iniciativa coa que leva dez anos organizando distintas actividades para conmemorar o aniversario do nacemento de Cela (11 de maio), o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Internacional dos Museos (18 de maio).

O xoves 11 lembrouse ao escritor padronés cunha ofrenda floral no cemiterio de Adina, xunto ao alumnado do Colexio CEIP San Tomé de Cambados, ao cumprirse 107 años do seu nacemento en Iria Flavia. No acto léronse distintos fragmentos do libro de memorias infantís de Camilo José Cela A Rosa, que foron preparados con anterioridade polos/as alumnos/as do centro cambadés.

Nas vindeiras semanas organizarase unha intensa axenda cultural con xornadas de portas abertas, obradoiros e concertos. O museo acollerá a tradicional xornada lúdica para ciclos de infantil e primaria de Padrón e comarca, coa actuación especial de Mamá Cabra e o seu espectáculo Ondamini. Esta semana tocaralle tamén a quenda ao alumnado dos institutos IES Macías o Namorado e do IES Camilo José Cela, ambos de Padrón, os cales desfrutarán dun escape-room celiano polas instalacións do museo.

Como é habitual por estas datas, durante todo o Letreseo (do 11 ao 20 de maio), o Museo Camilo José Cela abrirá as súas portas de forma gratuíta no seu horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas. Coincidindo con esta celebración, e dado o grande éxito de público acadado, a Fundación Pública decidiu a ampliación da exposición "Picasso vivo. O legado picassiano de Camilo José Cela", coa finalidade de que moitos máis visitantes poidan acceder a coñecer a gran amizade que uniu o pintor malagueño e o escritor galego.