Ir o contido principal

Cultura e Educación a través da Fundación Cela leva preto de 60 obras de pintura española contemporánea da colección da institución padronesa ao sexto edificio do Museo de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Presidente do Padroado da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde ‘A Rebotica da Arte’, unha mostra a través da cal a institución padronesa, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, pon a disposición da cidadanía no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o 16 de marzo máis de 60 obras de pintura española contemporánea que forman parte da súa importante colección pictórica composta por máis de 2.000 obras entre pinturas gravados e debuxos que abranguen aos autores máis salientables dende o último terzo do século XIX ata a segunda metade do XX. No acto de inauguración participaron ademais a deputada provincial Ana Isabel Vázquez Reboredo; a Deputada de Cultura da Deputación, Ana Isabel Vázquez; e a xerente da Fundación e coordinadora e comisaria da exposición, Covadonga Rodríguez.

Xesús Vázquez salientou a importancia da exposición, a través da que por primeira vez estas obras se expoñen fóra de Iria Flavia como conxunto. Unha mostra nacida da amizade de Cela cos talentos e artistas máis significativos do seu tempo, “e que en cada peza leva conversas, apertas e intercambios interminables, na calidez dun home de fogar aberto, tan contundente na forma coma na intensidade do trato”. Neste sentido lembrou ademais a potencia como escritor de Camilo José Cela, así como a dimensión que acadou o Novel galego no panorama cultural do século XX. “Camilo José Cela descubriunos un mundo, para que o interpretásemos segundo o noso criterio, pero tamén lle debemos á súa personalidade extraordinaria un movemento que abrangue outros eidos da arte, a creación de correntes intelectuais e unha obra entregada a lograr o recoñecemento cara a infinidade de figuras sobranceiras, que amosarían a súa calidade ao longo do século pasado”.

Cela coleccionista e pintor
‘A rebotica da Arte’ inclúe obras dos autores máis representativos da pintura española contemporánea do século XX, todos eles moi vinculados á traxectoria vital e literaria do Nobel padronés como Isaac Díaz Pardo, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Eugenio Granell, Pablo Picasso, ou Joan Miró. Así mesmo, na mostra poderán contemplarse traballos pictóricos de Ulbrich, Zabaleta, Chillida, Tàpies, Úrculo, e moitos máis, incluíndo obras do propio Cela ou doutros escritores como García Lorca, Alberti ou Guitérrez Solana que tamén amosaron o seu talento creativo no eido da pintura.

Ademais de pinturas, a exposición inclúe obras de Cela que foron ilustradas por estes grandes artistas, gravados, debuxos, cerámicas de Picasso, material bibliográfico e manuscritos entre outros documentos e obxectos, salientando entre eles o manuscrito do seu discurso de ingreso na Real Academia Española, dedicado ao propio Gutiérrez Solana.

Con esta exposición a Fundación pretende, ademais de por a disposición da cidadanía estas magníficas obras, difundir o lazo do Nobel galego coas belas artes, posta de manifesto tanto na súa propia vocación de pintor como na de coleccionista de arte, coma nas ricas ilustracións de recoñecidos pintores que acompañaron as edicións de bibliófilo de moitos dos seus escritos.