Ir o contido principal

Conmemoración do Día Internacional do Patrimonio Mundial

Mazadeira do leite

O 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial para protexer e preservar todos os sitios naturais e culturais do mundo.

Con este motivo, o Museo Etnolóxico de Ribadavia amósanos unha peza conservada no museo pertencente á nosa cultura tradicional. Trátase dunha mazadeira do leite, que se empregaba antigamente nos fogares para elaborar a manteiga. Para falarnos deste curioso obxecto o persoal do museo elaborou un vídeo que podedes ver premendo sobre a seguinte ligazón:

Vídeo explicativo

Mazadeira / mazadoira do leite

Recipiente cilíndrico de madeira feito con doelas de madeira, unidas e reforzadas con dous aros de ferro, un en cada extremo destas, que se axustan por medio duns parafusos con rosca. O resultado é algo parecido a un pequeno barril, deitado sobre dous soportes horizontais de madeira rematados polos lados nunhas molduras pintadas de cor verde. Estes soportes levantan a mazadeira do chan. Na parte do barril que está no lado oposto ás pezas da base, é dicir, na parte superior da peza, as doelas están afuracadas, dando lugar a un oco cadrado. Arredor do burato dispóñense unhas táboas unidas con puntas que fan coma unha pequena caixa con tapa que se desliza horizontalmente por uns carrís que teñen as táboas que forman a caixa.

No interior a peza leva un ferro de sección rectangular, axustado a un dos centros xeométricos da peza e solto do outro. Estes están formados por dúas pezas planas con forma de círculo. Por unha destas sobresae o ferro que vén do interior. A este engánchase un ferro curvado e plano cunha manivela de madeira cilíndrica con catro incisións que rodean o seu contorno, dúas por un extremo e dúas preto do outro. Baixo a manivela hai un burato cunha biquela de ferro para que saia o leite.

No interior da mazadeira engánchase ao ferro central unha peza de madeira formada por dúas pezas cruzadas facendo coma unha aspa. Cada unha das partes da aspa ten dúas táboas paralelas que se cruzan polo medio por outras transversais. Unha das aspas ten as pezas transversais planas e anchas e a outra, estreitas e cilíndricas. Estas pezas son as que mazan o leite ao xirar a manivela.