30 de marzo do 2020 Coñecer Galicia sen saír da casa

Museo do Viño de Galicia

Unha app gratuíta ofrece unha experiencia guiada no Museo do Viño de Galicia, con seis rutas máis alá do carácter enolóxico.

Realizar unha visita guiada ao Museo do Viño de Galicia é posible dende a casa. Os seis roteiros que contén a súa app non só teñen carácter enolóxico. De feito, descubrirás varias conexións co patrón Santiago e con Compostela. A historia, a tradición popular e a literatura acompáñannos nesta viaxe a través das terras galegas e das súas cinco denominacións de orixe. A información é gratuíta e está dispoñible en galego, español, inglés e na lingua de signos española.

César Llana, director do Museo do Viño de Galicia, revela varias curiosidades:

  • A produción de viño nestas terras, ata onde puido saberse, comezaría cara ao século III d. C. Na app fálase dos achados que o evidencian. Entón… de onde xorde aquela lenda popular que afirma que o apóstolo botou unha maldición sobre Galicia para que non dese máis viño? O director do Museo do Viño apunta ao enxeño da competencia, dos produtores vinícolas doutras rexións, en tempos pasados.
  • A dous minutos a pé desde a Catedral de Santiago atópase unha das claves da produción vinícola de Galicia: o Mosteiro de San Martiño Pinario. Deste mosteiro dependía a granxa vinícola de Santo André de Camporredondo, actual sede do Museo do Viño de Galicia. Santo André era o lugar de residencia do monxe-granxeiro e os seus axudantes. En Compostela, como noutros lugares, “os relixiosos recibían a súa ración de carne e viño case a diario, pois esta bebida era considerada un alimento máis”, lémbranos César.

 

O director do museo conta tamén como se está a afrontar a situación de peche temporal: están a facilitar o acceso virtual ás salas do museo a través das redes sociais. A app, afirma, “será tamén un elemento fundamental para aqueles que queiran preparar a súa visita a Galicia. O potencial desta terra respecto ao viño é aínda parcialmente descoñecido. Esta ferramenta tecnolóxica é unha vía cara ao coñecemento, unha xanela á gran diversidade vinícola desta terra”.

Ligazóns

Galería

  • Coñecer Galicia sen saír da casa

  • Coñecer Galicia sen saír da casa