Ir o contido principal

Celebración do 8M

Cartel do vídeo

Celebramos o 8 de marzo, Día da Muller, co vídeo "As mulleres e o traballo do mar en terra" do Museo Massó, no que presentan unha selección de imaxes do seu arquivo fotográfico que ilustra o traballo das mulleres. Froito dunha análise patriarcal antropocéntrica, determinouse que as tarefas valoradas son as que fan os homes e as que fan as mulleres son traballos secundarios e complementarios.

No sector pesqueiro tradicional mantense a separación arcaica que supón que os labores de extracción a flote se atribúen aos homes e os que se desenvolven en terra, ás mulleres. A súa presenza é ínfima na extracción de embarque e entre os armadores; intermedia na acuicultura (bateeiras) e no equipo técnico biolóxico, e maioritaria no marisqueo, na reparación de redes, na comercialización e na industria conserveira.

Na actualidade, as últimas enquisas europeas sobre as condicións do traballo poñen de manifesto que as mulleres en maior proporción que os homes levan a cabo tarefas monótonas, obteñen salarios inferiores, teñen menos oportunidades de participar na planificación do seu propio traballo e contan con menos expectativas de promoción profesional.

A nivel de todo o Estado, as mulleres galegas afiliadas ao Réxime especial do mar constitúen o 67 % delas, seguidas en segundo lugar polas mulleres vascas.