Ir o contido principal

Celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial nos museos

Os museos conmemoraron esta data con diversas actividades de promoción do patrimonio.

Cada 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial e moitos museos súmanse á celebración con actividades especiais. É o caso dos museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que amosaron nas redes sociais as súas coleccións ou os seus traballos relacionados co patrimonio cultural e natural. Esta efeméride conmemora a firma en París, nesta mesma data do ano 1972, da Convención sobre Patrimonio Mundial Cultural e Natural, onde sentaban as bases para desenvolver este tipo de protección, ligando o concepto de conservación da natureza coa preservación dos sitios culturais.

A partir desta unión da protección da natureza coa conservación dos sitios culturais, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense realizou unha serie de actividades relacionadas co Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé, un xacemento vencellado á investigación do museo, no que converxen os valores históricos e naturais. Por unha banda, un xacemento arqueolóxico cun castro galaicorromano e, por outra, o patrimonio natural amosa a vexetación característica da “hoya ourensá". Os primeiros visitantes da exposición "Escolma de escultura", na Sala San Francisco, foron agasallados co catálogo Santomé. Conxunto Arqueolóxico Natural e co libro Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé. Guía da natureza. Para saber máis, preme sobre esta ligazón.

Pola súa parte, o Museo Massó de Bueu realizou a presentación no seu blog do magnífico herbario didáctico de algas mariñas, British marinae algae, que a Consellería adquiriu este ano para o museo. Realizado por unha naturalista británica, trátase dun delicado e exquisito traballo de catalogación, recompilación e conservación das 60 diferentes especies de algas que no século XIX formaban parte do ecosistema do océano Atlántico. Pódese ver o vídeo aquí.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago presentou nas redes sociais o gravado titulado Iago e galo. Representa un Santiago peregrino con todos os seus atributos acompañado por un galo, que fai referencia a un dos milagres e lendas atribuídos a Santiago, polo que os valores da tradición oral e popular estarían simbolizados na ave representada nesta lámina.

As características que impregnan este gravado como a cultura popular, a orixinalidade artística e o transvasamento de información dun continente ao outro (foi realizado na Arxentina) fano especialmente apto para o lema Patrimonio local, patrimonio universal. Para saber por que é o escollido para este día, preme sobre a ligazón.

Con motivo do Día do Patrimonio, o Museo do Viño de Galicia destacou unha excepcional peza do museo: a lagareta ambulante ou prensa móbil. Así, entre os días 15 e 22 de novembro ofrécese unha explicación en profundidade da peza situada no lagar do museo. Tamén dende o 16 a información está nas redes sociais, por exemplo, no seu Facebook.

Ademais de coñecer a importancia da lagareta na zona do Ribeiro e o seu funcionamento, é unha oportunidade para coñecer as labores de documentación e restauración vinculadas a un correcto trato do patrimonio e recordar así a necesidade da súa preservación.

Pola súa banda, o Museo Etnolóxico de Ribadavia salientou a importancia do patrimonio vinculado aos medios de comunicación como unha maneira de entender mellor a sociedade do pasado. Utilizando as novas redes que definen as relacións sociais do noso presente, achegaron os antecedentes da tarxetas postais: as chamadas tarxetas enteiropostais. No blog do museo e en Facebook poden verse varios exemplos da colección.

O Museo de Belas Artes da Coruña realizou diversas publicacións nas súas redes sociais relativas ao seu patrimonio arquitectónico e artístico. Por unha banda, a historia da transformación do soar do actual edificio do museo, tras ser o convento das monxas capuchinas ata transformarse no novo edificio para o museo, onde se harmonizan a antiga coa nova arquitectura. Pódese ver na conta de Facebook do museo.

En relación cos contidos da actual exposición temporal do museo, "Vestir épocas 1860- 1960. A colección González-Moro", o museo deu a coñecer unha publicación de moda custodiada entre os seus fondos bibliográficos e documentais: varios exemplares de prensa de moda de finais do século XIX, titulados La moda elegante ilustrada. Pódese ver máis nesta ligazón.

O Museo do Castro de Viladonga, na procura da salvagarda do patrimonio cultural, traballa diariamente na conservación, investigación e difusión do propio xacemento, así como do patrimonio arqueolóxico, natural, histórico e artístico da súa contorna, en definitiva, do patrimonio cultural da Terra Chá lucense. Neste ano 2020, e como consecuencia de que a pandemia que estamos a sufrir dificulta o acceso presencial, a páxina web do museo ofrece a posibilidade de seguir de cerca os resultados das últimas investigacións levadas a cabo no castro. Para conmemorar este día, fará accesible na súa web o último número da revista científica e de divulgación cultural CROA, o 30. Tamén se pode entrar a través do seu Facebook.