Ir o contido principal

Museo de Nosa Señora da Antiga

O Colexio de Nosa Señora da Antiga é tamén coñecido como o Colexio do Cardeal (polo seu fundador) ou Colexio da Compañía (polos seus rexedores ata 1776) e alcumado popularmente como o Escorial galego pola magnitude do edificio. Foi construído entre finais do século XVI e principios do XVII, baixo o patrocinio do cardeal Rodrigo de Castro para que, rexentado pola Compañía de Xesús, servira para a educación da bisbarra e de toda Galicia. Dende o ano 1873 o colexio é dirixido polos Pais Escolapios, aínda que recentemente rehabilitouse o seu antigo título de Real Colexio de Nosa Señora da Antiga.

conxunto monumental, situado nunha gran planicie no centro de Monforte, está formado polo edificio do colexio coa fachada de estilo renacentista herreriano, a igrexa de Nosa Señora da Antiga, o claustro e o museo. A igrexa alberga importantes obras de arte das que destaca o retablo maior feito en madeira de nogueira por Francisco de Moure a comezos do século XVII, o Cristo en mármore de Valerio Cioli, regalo de Felipe II ao cardeal, e a estatua do cardeal Rodrigo de Castro fundida en bronce, obra do escultor Xoán de Boloña.

A pinacoteca está instalada na antiga sancristía. As súas maiores xoias son dous óleos de Domenikos Theotocopoulos El Greco e cinco táboas de Andrea del Sarto. Conta ademais cunha pequena colección de pezas doadas polo cardeal entre as que cómpre destacar as valiosas pezas bibliográficas, a documentación e unha colección arqueolóxica.

https://www.fundacioncolegionsdelaantigua.org

FUNDACIÓN COLEXIO NOSA SEÑORA DA ANTIGA. Praza da Compañía, 50
27400, Monforte de Lemos

Tlf. 982 023 495 / 687 359 008 / 667 925 072
visitasescolapios@gmail.com

Horario

Só visitas guiadas de martes a domingo.
A visita comprende a fachada, a escaleira monumental, o claustro, a igrexa e o museo ou pinacoteca.
De outubro a xuño
De martes a venres: 17:00
Sábados: 11:30, 12:45 e 16:30
Domingos: 11:30 e 12:45
De xullo a setembro
De martes a sábados: 11:30, 12:45, 17:00 e 18:15
Domingos: 11:30 e 12:45


Tarifas

Tarifa xeral: 5 €