O Museo do Videoxogo (MUVI) é o primeiro centro museístico de Galicia e de España relacionado co videoxogo, entendendo este como unha forma de expresión artística e cultural e como unha ferramenta educativa máis alá da súa dimensión lúdica.
Esta institución museística garante a preservación cultural do videoxogo e do seu legado universal, a súa transcendencia histórica, referencias, influencia e impacto social a través dos tempos, con especial atención ao videoxogo galego.
Neste museo destaca a interactividade, xa que a persoa visitante pode interactuar con gran parte dos elementos expostos. Este aspecto é un alicerce fundamental na experiencia da visita ao centro, xa que os videoxogos son obras culturais que precisan ser xogadas para poder coñecelas e analizalas en profundidade e con rigorosidade.
A exposición permanente está conformada por varias estancias:
Ao acceder ao museo atopámonos coa área principal de exposicións, o núcleo que artella o resto de áreas. As pezas e contidos dispoñibles neste espazo son a máxima expresión do obxectivo do MUVI de divulgar a historia, o contexto, o sentido e os valores do videoxogo.
Neste espazo están representados e expostos os distintos elementos de hardware e de software que foron xurdindo ao longo da historia. Preséntanse ordenados cronoloxicamente amosando a súa evolución, e a relación desta evolución co avance da tecnoloxía.
Na primeira planta atópase o espazo do Videoxogo Galego. Este é o proxecto máis importante do Museo do Videoxogo, por ser o primeiro e ata o momento o único lugar en Galicia que ofrece a posibilidade de ser visitado para que o público coñeza e interactúe con obras de creación galega ou relacionadas coa nosa cultura.
Na mesma planta atopamos a Habitación da Memoria. Esta sala está deseñada como a recreación conceptual dunha habitación adolescente galega ou española de mediados dos anos 80. Nesta década os videoxogos empezan a entrar de xeito masivo nos fogares e empezan a consolidarse como elementos de ocio e culturais clave entre a xuventude. A intención é recrear unha ambientación rica en detalles pertencentes á memoria colectiva e fontes socioculturais do momento, un escenario que permita contextualizar historicamente, dun xeito estético e atractivo, o papel dos videoxogos na época.
No piso baixo, está o espazo de experimentación. Trátase dunha área ampla equipada con todo tipo de dispositivos, sistemas de control e monitores, pensada para a interacción do público con títulos clave na historia do videoxogo.
Por último, figura o Salón Arcade Davila, que consiste nun espazo inspirado nos salóns arcade clásicos dos anos 90, contando cun total de 16 máquinas recreativas entre as cales se atopan algúns dos artefactos máis icónicos e representativos da historia do medio.
Horario
Todos os sábados de 16:30 a 21:00 horas
Tarifas
ACCESO GRATUITO
- Acceso con visita guiada ás 17:00h / 18:00h / 19:00h / 20:00h. SÓ ÁS HORAS EN PUNTO.
- Áreas: Exposición Principal + Videoxogo Galego + percorrido por tódolos espazos do MUVI
- Admisión 60 minutos (máximo)
ACCESO COMPLETO (8€)
- Acceso inmediato interactivo
- Áreas: Exposición Principal + Videoxogo Galego + Habitación da Memoria + Experimentación + Salón Arcade
- Admisión 5 horas
- Visita guiada
- DESCONTO 50% para "Amigos do Muvi"