O centro museístico do RC Deportivo concíbese como un espazo destinado á conservación, preservación, promoción e difusión da historia do Real Club Deportivo da Coruña, así como da súa influencia social e cultural. Situado no Estadio ABANCA-RIAZOR, pretende preservar e comunicar o legado histórico do club e a súa afección, integrando no seu relato a dimensión deportiva, humana e social.
A creación do centro responde á vontade da entidade de reivindicar o seu patrimonio material e inmaterial, xerando un espazo de encontro entre o deporte, a memoria colectiva e a cultura contemporánea. O centro aspira a consolidarse como un lugar de referencia para a cidade da Coruña, ofrecendo, á súa vez, a toda a cidadanía un novo lugar de encontro, lecer e convivencia.
A colección documenta máis dun século de historia deportiva, social e cultural. Os fondos do centro museístico do Real Club Deportivo comprenden fundamentalmente obxectos como trofeos e téxtiles (equipamento e vestimenta deportiva), así como documentos, fotografías e publicacións que reconstrúen a evolución do RC Deportivo e a súa relación coa cidade da Coruña e a súa cidadanía.
Inclúe ademais material audiovisual que permite comprender a dimensión social e cultural do club. Un recurso patrimonial de carácter inmaterial, tales como entrevistas, partidos, vivencias da afección ou celebracións que, dende un punto de vista cronolóxico, revelan a transformación do club deportivo, pero tamén a evolución do deporte español, o desenvolvemento urbano da cidade e os imaxinarios sociais que acompañan ao fútbol como fenómeno cultural.
R/ Manuel Murguía
15011, A Coruña
Tlf. 881 123 973
museo@rcdeportivo.es
Horario
De luns a domingo: de 10:00 /18:00 horas
Tarifas
14 € / Tarifas reducidas para menores de idade, persoas abonadas ao club, persoas con discapacidade e outras tarifas