Ir o contido principal

Museo do Pobo Galego

Museo do Pobo Galego

O museo

O museo sitúase no edificio do antigo convento de San Domingos de Bonaval (s. XVII-XVIII). As primeiras salas abriron no ano 1977; dende entón o museo, con gran base social en Galicia, rehabilitou todo o recinto conventual e incrementou os seus fondos, algo que lle permitiu ampliar os seus espazos expositivos e mostrar as diversas manifestacións da cultura galega.

O Museo do Pobo Galego é un museo de carácter antropolóxico, pero tamén acolle salas de pintura, escultura e arte sacra. As principais coleccións están en relación coa cultura popular, gardando valiosos fondos referentes ao mundo mariñeiro e agrario. Outras seccións son as de hábitat, arquitectura, oficios e imprenta, xunto aos espazos dedicados á sociedade. Igualmente posúe unha excelente colección do traxe e encaixe tradicionais, así como de instrumentos musicais. O percorrido polo museo permite apreciar as coleccións e os obxectos en relación a súa utilización orixinal. 

O museo conta cunha grande oferta de servizos, como unha biblioteca que tenta ser un referente bibliográfico da cultura galega, albergando os fondos de Xaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Antón Fraguas Fraguas, Antonio Rodriguez Fraiz, Manuel Beiras García e a familia Baltar, amais dun arquivo gráfico e documental con fondos procedentes de diversas entidades políticas, sindicais, sociais, así como achegas de empresas e particulares. 

Dispón igualmente de salas para exposicións temporais, auditorio, sala de audiovisuais e salas de reunión.

A igrexa de Bonaval (s. XIII-XVI) alberga o Panteón de Galegos Ilustres. 

http://www.museodopobo.gal

Mosteiro de San Domingos de Bonaval
15703 , Santiago de Compostela

Tlf. 981583620
Fax 981554840

info@museodopobo.gal

Horario

De martes a sábado: de 11:00 a 18:00 h
Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 h
24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro: de 11:00 a 14:00 h
Pechado os luns e os días 1 de xaneiro (Aninovo) e 25 de decembro (Nadal)


Tarifas

Entrada ordinaria: 4 €
Entrada reducida: 1,50 € (maiores de 65 anos e estudantes maiores de 18 anos)
Entrada gratuíta: socios/as do Museo (acompañantes 3 €), estudantes menores de 18 anos e traballadores/as no paro
Grupos a partir de 6 persoas: 3 € por persoa
Visita a exposicións temporais: gratuíta
Entrada libre: domingos, 18 de maio (Día dos Museos), 25 de xullo e 29 de outubro (aniversario do MPG)
Visitas para grupos: previo contacto