Ir o contido principal

Museo do Mar de Laxe

O Museo do Mar de Laxe está situado no inmoble que ocupou a antiga casa cuartel da Garda Civil da localidade, que foi rehabilitada para albergar a colección. Forma parte do casco histórico da Vila de Laxe, e está declarado como inmoble de elevado interese arquitectónico tradicional, dado que é un inmoble de pedra no que aínda son visibles elementos dunha casa tradicional galega (lareira, lavadoiro de pedra, latrina...).

Ten catro plantas e está adaptado para persoas con mobilidade reducida. Conta con sala polivalente para conferencias, ascensor, baños etc.

O seu discurso museístico céntrase no patrimonio antropolóxico, histórico e visual do concello de Laxe e das comarcas de Bergantiños e Soneira (Costa da Morte) desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Presta especial atención á divulgación da cultura marítima e á preservación da memoria sociocultural da zona.

A colección permanente do centro inclúe o Arquivo Fotográfico Vidal, que está declarado ben de interese cultural polo Decreto 108/2019, do 18 de xullo (DOG núm. 177, do mércores 18 de setembro de 2019). Este arquivo fotográfico está formado por unhas 67.000 fotografías procedentes do arquivo dos fotógrafos Plácido Vidal e do seu fillo José María Vidal.

Á parte desde arquivo histórico, o Museo do Mar de Laxe dispón, como parte da súa colección permanente, do fondo fotográfico de José María Vidal Eiroa, que na actualidade se atopa totalmente dixitalizado e contempla unhas 73.000 fotografías. O ámbito cronolóxico abarca as catro últimas décadas do século XX e o seu ámbito territorial abarca o conxunto da Costa da Morte, aínda que as comarcas de Bergantiños e Soneira son as que máis amplamente aparecen representadas.

A través destas fotografías realizadas por estes grandes reporteiros de Galicia, o visitante pode contemplar e comprender os cambios que se produciron no territorio, na sociedade, nos ritos relixiosos, nos oficios, na familia...

Todas estas fotografías foron dixitalizadas e pode consultarse o arquivo completo dixitalizado a través de pantallas táctiles, nas que se reproducen vídeos con diferentes temáticas realizados con estas fotografías, cadros e paneis.

Ademais deste sobranceiro arquivo gráfico, dispón tamén de diferentes pezas relacionadas coa carpintería de ribeira, coa vida e a profesión do ilustre xeólogo Isidro Parga Pondal, elementos procedentes do laboratorio fotográfico dos Vidal de Laxe, documentos persoais dos fotógrafos locais e documentación variada relacionada coa historia local e comarcal: desde o Estatuto da Sociedade de Emigrantes de Laxe na Arxentina ata o Estatuto do primeiro Sindicato Agrario de Laxe (anos 20), as Actas da xunta revolucionaria de Laxe (revolución A Gloriosa de 1869), un diploma de patrón de cabotaxe de 1861…

 

https://turismolaxe.gal/museo-do-mar/

Rúa Pracer, 5
15117, Laxe

Tlf. 981 706 903 / 981 735 393
museo@laxe.es

Horario

Temporada alta
Semana Santa / xuño, xullo, agosto e setembro:
De martes a domingo en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h
Festivos só de 11:00 a 14:00 h
Luns pechado
Temporada baixa
Resto do ano:
Venres de 17:00 a 20:00 h
Sábado de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h
Investigadores/as e grupos organizados:
Todos os días da semana en horario de mañá ou tarde, previa solicitude


Tarifas

Entrada xeral: 1,5 €
Entrada reducida: 1 € (menores de 14 anos, titulares de carné xove, maiores de 65 anos e grupos escolares de centros que non pertenzan ao Concello de Laxe, en visita previamente concertada)
Entrada gratuíta: estudantes, persoas con discapacidade, visitas patrocinadas polo Concello previa resolución que así o declare e guías turísticos/as no desenvolvemento das súas tarefas e presentando o seu carné
Entrada de balde para todo o público en xeral: o Día dos Museos e aqueles outros días que autorice a alcaldía