A Colección museográfica Margarita Ledo Andión é un espazo dedicado á conservación, investigación e difusión do patrimonio cinematográfico, artístico, bibliográfico e documental vinculado á cultura galega e aos universos da imaxe.
Situado en Castro de Rei, o centro museístico nace coa vocación de achegar ao público coleccións propias, fondos documentais, exposicións temporais e proxectos de creación que invitan a descubrir o cine, a fotografía, as artes plásticas e outras formas de expresión visual. A través dunha programación aberta e dinámica, contribúe a enriquecer a vida cultural do territorio e a xerar novas oportunidades para o encontro, a aprendizaxe e a reflexión.
A Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC, titular da colección museográfica, entende a cultura como un espazo de diálogo entre a memoria e o presente. Por iso, pon en valor tanto os soportes tradicionais —o papel, a fotografía ou o celuloide— como as novas formas de creación e difusión dixital, ampliando o acceso ao coñecemento e achegando o patrimonio cultural a públicos diversos.
As siglas CCC resumen a identidade e as liñas de actuación da Fundación: Cine, Cultura e Comunicación. Estes tres ámbitos articulan un proxecto comprometido coa investigación, a creación contemporánea e a divulgación do pensamento crítico.
O centro museístico ten como misión preservar e difundir o legado da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, á vez que impulsa o coñecemento da cultura galega e do cine e o audiovisual en lingua galega.
A súa programación inclúe exposicións, ciclos de cine, encontros con creadores, obradoiros, xornadas, cursos e seminarios, cunha atención especial á produción cultural realizada por mulleres e ás novas miradas sobre a imaxe e a comunicación.
Praza Maior, números 8-9
27250, Castro de Rei
Tlf. 694306094
casadagaleria@casadagaleria.gal
Horario
Apertura estacional. Verán (xullo, agosto e setembro): de xoves a sábado de 19:00 a 21:00 horas.
Biblioteca: aberta de xoves a sábado, de 16:00 a 18:00 horas, xullo, agosto e setembro.
Tarifas
Gratuíta