O Centro de Arte Fundación María José Jove atende a perspectivas artísticas, educativas e sociais dentro dun proxecto multidisciplinar, situado e integrador, compartindo a arte en toda a súa complexidade e diversidade. A través de procesos de investigación, produción e divulgación, traballa ao redor de diversos eixos temáticos que favorecen a súa interrelación e continuidade.
Propiciado pola localización xeográfica, o proxecto curatorial atende a lóxicas de interacción entre os países do Eixo Atlántico, principalmente entre España (Galicia), Portugal e países de Latinoamérica. A exposición ocupa unha superficie de aproximadamente mil metros cadrados na segunda planta do edificio situado na rúa Galileo Galilei, 6, no polígono da Grela da Coruña. A súa colección destaca polo seu valor histórico e artístico, comezando no século XIX e revisando a historia da arte galega, así como a arte do século XX, na actualidade focaliza os seus intereses en prácticas visuais contemporáneas. Entre os nomes que a integran atópanse Castelao, Laxeiro, Seoane, Colmeiro, Lugrís, Maruja Mallo ou Menchu Lamas; Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, Antonio Saura, Manuel Milleiros, Rafael Canogar, Eduardo Chillida, Salvador Dalí, Antoni Tàpies, Luis Gordillo, Miquel Barceló, Fernand Léger ou Joan Miró, Ximena Garrido-Lecca, Irene Kopelman, Carlos Irijalba, Fuentesal Arenillas, Rubén Grilo, Rubén Santiago, June Crespo, Nora Aurrekoetxea ou Mercedes Azpilicueta, entre outros.
Pola súa banda, o museo apoia a formación mediante iniciativas como a Bolsa de formación Artística FMJJ, que facilita o acceso ao Máster en Belas Artes do Art Institute FHNW de Basilea; os diferentes programas de residencias artísticas no marco de colaboracións con institucións como Acción Cultural Española (AC/E) e a Universidade da Coruña; ou o apoio á proxección internacional dos artistas, proporcionando recursos loxísticos e de produción. Premios como o Premio Internacional de Arte Marta García-Fajardo e o Premio de Investigación e Ensaio sobre Aplicacións Terapéuticas da Arte, xunto cos proxectos expositivos, dan continuidade a este propósito. Ademais, a liña editorial amplía o impacto destas iniciativas mediante publicacións que documentan os resultados de investigacións, traxectorias de artistas e os seus procesos.
O plan educativo do museo está deseñado para fomentar unha cidadanía crítica e participativa, utilizando a arte como ferramenta para o desenvolvemento persoal e colectivo. As actividades, dirixidas a públicos diversos e estruturadas ao redor de tres eixes, escola, comunidade e accesibilidade, implementan proxectos de longo percorrido que permiten establecer vínculos significativos, compartir coñecementos e fomentar o intercambio entre as persoas e Centro de Arte Fundación María José Jove.
Rúa Galileo Galilei, 6. Edificio Work Center - A Grela
15008, A Coruña
Tlf. 981 160 265
info@fundacionmariajosejove.org
Horario
Do 16 de setembro ao 14 de xuño:
De luns a xoves, de 9 a 18 horas
Venres, de 9 a 15 horas
Do 15 de xuño ao 15 de setembro:
Pechado a segunda e terceira semanas de agosto
De luns a xoves, de 8:30 a 15 horas
Venres, de 8:30 a 14:30 horas
Tarifas
Gratuíto