Ir o contido principal

Casa Museo Valle Inclán

Casa Museo Valle Inclán

O museo

O proxecto da Casa Museo Ramón del Valle-Inclán xorde en 1995 coma unha creación do Concello de Vilanova de Arousa a partir dunha serie de iniciativas de diferentes entidades e asociacións culturais que levaban varios anos reclamando a recuperación da figura de Valle-Inclán no seu concello natal.

O museo instálase na “Casa do Cuadrante”, un edificio de arquitectura tradicional de tipoloxía “pacega” ou “casa grande urbana” con elementos de procedencia culta como o escudo presente na fachada, realizada en granito; a carón de elementos populares coma os patíns.

Orixinariamente, a casa foi parte das propiedades do priorato Benedictino de Vilanova de Arousa. Posteriormente pasou a mans da familia Peña e chegou a ser propiedade dos avós maternos de Valle-Inclán. Por herdanza, a casa pasou a mans duns tíos de Valle que a legaron aos seus fillos. A casa continuou habitada e en uso ata practicamente os anos 90, quedando case abandonada coa morte do seu último residente.

En 1994 a casa sufriu un incendio quedando en moi mal estado. Foi entón cando o concello de Vilanova de Arousa a adquiriu en 1995 coa idea de restaurala para ubicar nela a Casa Museo Ramón del Valle-Inclán.

A natureza das coleccións que alberga a Casa Museo Ramón del Valle-Inclán é fundamentalmente bibliográfica e documental aínda que posúe outros fondos de carácter pluridisciplinar para ambientar a propia casa museo.

Podemos encontrar primeiras edicións e exemplares de interese das súas obras, así coma outros libros vinculados coa súa vida. Tamén conta fondos documentais, documentos manuscritos orixinais como censos de poboación ou administrativos que falan da relación de Valle-Inclán e da súa familia co Concello de Vilanova de Arousa. A exposición complétase cunha colección de mobles e enseres propios dunha casa galega de clase media culta de mediados do século XIX, tratando de reproducir a mesma o máis fielmente posible coa distribución que tiña a casa familiar dos avós de Valle-Inclán onde supostamente nacera.

Rúa Luces de Bohemia, s/n
36620, Vilanova de Arousa

Tlf. 986555493
museos@vilanovadearousa.gal

Horario

Inverno: de martes a domingo de de 10 a 14 h. e de 16.00 a 19.00 h.
Verán: de martes a domingo de 10:00 a 14.00 e de 17:00 a 21:00 h.


Tarifas

Entrada xeral: 3 €
Entrada reducida: 1,50 € (Persoas de 12 a 18 anos, maiores de 65 anos e xubilados)
Entrada para grupos: 2,40 € (máis de 25 persoas)
Entrada gratuíta: nenos ata 12 anos, residentes locais, peregrinos, os guías dos grupos ou visitas guiadas.