Ir o contido principal

Wonder Women. Artistas mulleres na Colección CGAC

O título "Wonder Women" fai referencia a unha obra da artista norteamericana Dara Birnbaum, presente na colección, que se inspira pola súa vez nunha superheroína concibida orixinalmente para os cómics, a cal chegaría a protagonizar unha serie de televisión de grande éxito nos anos setenta.

Cando Dara Birnbaum profunda nunha lectura crítica da personaxe e se apropia dela como icona pop, Wonder Woman xa se convertera nun emblema do feminismo: a idea dunha muller corrente que se transforma nunha guerreira, nunha loitadora pola xustiza e pola igualdade, que triunfa polo seu esforzo e a súa capacidade, é unha imaxe que, aplicada á vida cotiá, atravesa e caracteriza o século XX.

A colección é, para un museo de arte contemporánea, unha ferramenta de traballo imprescindible, un instrumento en constante crecemento e, como tal, nas últimas décadas situouse no centro dun debate sobre a necesidade de establecer novas narrativas que sexan máis inclusivas e sobre todo plurais. Ese debate estivo focalizado na discusión e revisión dos canons e, moi especialmente, na restitución de lecturas e presenzas que poñan de relevo o papel das mulleres na historia.

Cada unha das pezas desta exposición mostra os cambios profundos producidos ao longo das últimas décadas. Voces de artistas mulleres que non só falan de feminismo ou de cuestións vinculadas con debates de xénero, senón que abordan tamén problemas estéticos ou construtivos. Pintura, escultura, arte sonora, ready-made ou obxecto atopado, vídeo ou instalacións tenden a subliñar as condicións visuais das obras, en diálogo tanto entre elas como co espazo (vestíbulo, auditorio e outros lugares intermedios que non foron concibidos orixinalmente polo arquitecto Álvaro Siza Vieira como espazos expositivos). A mostra tende á instalación, con pezas a diferentes alturas que buscan a preeminencia da mirada. Como exposición, é o punto de partida para un traballo de equipo cuxo obxectivo é investigar sobre a colección e as súas posibilidades con vistas a unha futura exhibición razoada e histórica.

Artistas participantes

Dara Birnbaum  

Esther Ferrer

Fernanda Fragateiro

Isabel Garay

Dora García

Katharina Grosse

Menchu Lamas

Jac Leirner

Luz Lizarazo

Eva Lootz

Alicia Martín

Susan Philipsz

Ligazóns