Do 29 de outubro do 2020 ao 14 de marzo do 2021 Vestir épocas, 1860-1960. A colección González-Moro

Nova exposición temporal no Museo de Belas Artes da Coruña.

Museo de Belas Artes da Coruña

Con esta mostra trátase de achegar á cidadanía os usos e costumes asociados a unhas épocas determinadas, na que constitúe a primeira mostra dedicada de forma monográfica á temática da moda en exclusividade no Museo de Belas Artes da Coruña.

Trátase de poñer en diálogo e relación as pezas de indumentaria e complementos pertencentes á colección téxtil da familia coruñesa González-Moro, que abrangue un rango de tempo desde os anos 1860 ata os anos 1960, coas obras de arte da colección permanente do museo tendo en conta a súa iconografía, época, uso etc.

As máis de trescentas pezas que conforman a exposición son roupas de gran beleza, prodixio técnico, singularidade museográfica e relevancia histórica, confeccionadas principalmente en Galicia e pertencentes na súa meirande parte á vida en Galicia. Reflicten a moda urbana, local e cosmopolita, artesá e industriosa, a moda dun mundo moderno en constante troco e movemento.