Ir o contido principal

Tecedeiras: funcionalidade e creatividade. Fíos de vida Colección Manuel Rodríguez Calviño

Vista dunha sala

A colección de Manuel Rodríguez Calviño é o resultado de case trinta anos de investigación sobre a produción téxtil en Galicia. A día de hoxe, a colección está formada por máis de cento setenta pezas de tecido popular galego, entre as que destacan os máis de cento dez cobertores e alfombras. Trátase posiblemente dunha das maiores coleccións privadas en Galicia, na que están presentes obras de toda a xeografía e están representadas a práctica totalidade das técnicas, tecidos e materiais empregados polas nosas tecedeiras ata ben andada a metade do século XX.

A mostra xira arredor do traballo das tecedeiras a través das pezas máis senlleiras da súa produción: os cobertores.

Os cobertores son, sen dúbida, as pezas máis senlleiras da produción das tecedeiras. Tras deles hai centos de horas de traballo, un dominio prodixioso de complicadas técnicas e unha gran capacidade creativa. Trátase de obras de gran valor estético, verdadeiras obras de arte, obras senlleiras da nosa arte contemporánea e patrimonio cultural. Foron creadas por mulleres que dominaban técnicas e combinacións numéricas e que nunca accederon a unha mínima formación académica. Así e todo, o seu traballo foi en xeral mal valorado e pouco reivindicado, por tratarse de traballo feminino, realizado no ámbito doméstico e de uso cotián. O traballo no tear era habitual entre mulleres orfas, solteiras ou con fillos fóra do matrimonio, como complemento ao resto dos traballos do fogar, do campo e do mar, xa que supoñía ingresos extra para a casa. Moitas mulleres deixaban de tecer cando casaban.

Entre todas as técnicas destaca o gurullo ou levantado, que permitiu ás tecedeiras desenvolver a súa gran capacidade creativa e artística, empregando motivos de gran variedade formal e tipolóxica. As tecedeiras dispoñían dun amplo repertorio de motivos, moitos deles copiados de cobertores máis antigos, pero tamén sacados dos folletos e álbums de bordados ou de creación propia.

Nunha primeira ollada, e independentemente dos materiais, motivos ou técnica empregada, a maior parte dos cobertores destaca polas cores intensas e rechamantes, mesturadas en combinacións que nalgúns casos semellan case imposibles e moi actuais. Non cabe dúbida que se trata dos elementos da arte popular galega nos que a cor ten máis importancia. Son un berro de alegría e luminosidade plasmado polas tecedeiras nas súas obras.