Ourense. Anos 20 Exposición do Museo Arqueolóxico de Ourense no Centro Municipal José Ángel Valente.

Con esta nova exposición producida polo Museo Arqueolóxico de Ourense preténdese dar a coñecer a realidade sociocultural da provincia de Ourense na década de 1920.
Esta mostra pretende construír un relato que axude a comprender a complexidade e contradicións desta icónica época situándonos no Ourense do momento.
A exposición presenta unha serie dunhas 40 fotografías da época, prestadas xenerosamente por particulares e outras institucións.
Para o imaxinario popular, a década de 1920 é a dos "anos tolos", "anos dourados" ou "felices", é o tempo do jazz, charlestón, garzonas e flappers, decó e vangardas, do cine e ocio desmedido... Pero baixo todo ese brillo, que Hollywood se empeña en mitificar, ocúltanse os contrastes da época: especulación financeira, xurdimento do consumismo, auxe do fascismo e os totalitarismos.
En 1920 o mundo comeza a recuperarse dunha Guerra Mundial, da Revolución Rusa e dunha pandemia das máis devastadoras da historia. Europa, campo de operacións da guerra, arrasada, ten que recorrer ao mercado americano para abastecerse. EE. UU., vencedor entre os vencedores, convértese na locomotora económica mundial. A súa clase media prospera e mentres intenta liberarse dos traumas da guerra concédelle agora valor a unha xuventude antes vista como unha etapa a pasar, o ocio ocupa un lugar preferente e as mulleres comezan a liberarse de ataduras.
As revistas e o cine difunden a idílica imaxe americana, mais a onda tivo intensidade desigual no resto do mundo. Só os sectores máis acomodados en Europa podían reproducir ese estilo de vida.
España convivía ademais con crises de goberno e económicas, co desastre de Annual e cunha ditadura. Quizais nunca existiu tanta distancia entre unha sociedade que demandaba modernización, vitalismo, emancipación... fronte a unhas autoridades políticas, igrexa e exército que evolucionaban moi lentamente.