Ir o contido principal

29 de Xuño - 31 de Agosto de 2021 A memoria do son Exposición temporal do Museo Catedralicio de Santiago de Compostela no Pazo de Xelmírez.

Cartel da mostra

A exposición "A memoria do son" está destinada a contribuír nos avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais. Un espazo destinado ao pracer da vista, do oído, un espazo para tocar, escoitar e entender o contexto no que foron creados co fin de que a visita resulte máis atractiva e enriquecedora.

Como consecuencia da realidade que nos toca vivir, o programa interactivo vese minguado e adaptado para non contribuír á difusión dun e á desaparición doutros, un pequeno esforzo en favor da cadea de transmisión de saberes xeracionais.

Proxectada con vontade divulgadora, permítelles traballar aos/ás docentes diferentes competencias, desenvolvendo, á vez, sentimentos de pertenza e espertando o/a pequeno/a investigador/a que levamos dentro. É accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos/as, mestres artesáns/ás ou investigadores/as e ofrécenos a posibilidade de contemplar unha ampla representación dos instrumentos musicais máis populares en Europa, desde os albores do século XII ata finais do século XIII. Dúas centurias de grandes innovacións e cambios tecnolóxicos nas que se sentan as bases para a revolución industrial do século XVIII e iniciar, así, o seu desenvolvemento.

Como resumo do que se foi vendo e experimentando no transcurso da visita, ponse a disposición dos/as máis inspirados/as un salterio para que, coas limitacións impostas pola nova situación, se deixen seducir e poidan sentirse pequenos/as trobadores/as e músicos/as da corte, como propón a cantiga cento setenta e dúas do manuscrito de Alfonso X.

As melodías accesibles, escaneando o correspondente código de resposta rápida QR, proporcionan a oportunidade de escoitar o son de cada un dos instrumentos expostos. Un traballo de músicos xa con moita experiencia neste tipo de repertorios, en gran medida, como consecuencia dos proxectos multidisciplinares de recuperación desenvolvidos en Galicia desde o ano 1990.

A exposición está organizada pola Colección de Instrumentos Musicais do Centrad (Lugo).