Mar Caldas: Mulleres, traballo e memoria
No marco do seu programa de artistas de media carreira, o CGAC presenta unha mostra individual da artista Mar Caldas (Vigo, 1964), pioneira da praxe artística feminista en Galicia. A súa obra, fundamentalmente fotográfica, renova sempre o seu cariz reivindicativo para atender aos diferentes atrancos que, pola súa condición, atenazan a vida das mulleres.
Desta volta, convídanos a un percorrido pola súa obra recente, na que o traballo das mulleres e a denuncia da súa escasa consideración, pasada e presente, ocupan a centralidade do discurso. Neta dun sindicalista fusilado e dunha viúva abocada á escaseza, e filla dunha nai desposuída do seu posto de traballo como telefonista polo simple feito de contraer matrimonio, Caldas articula un amplo proxecto específico titulado Retrato de familia, no que reflexiona sobre a súa historia familiar para denunciar a violencia sufrida pola sociedade durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Coa fotografía como protagonista, desprega un amplo abano de formalizacións: colaxe fotográfica con imaxes apropiadas, series fotográficas de creación propia en grande formato, a imaxe fotográfica proxectada a modo de instalación e como base dunha obra fílmica... e mesmo unha peza fotográfica en formato “tarxeta para levar”.
A obra de Mar Caldas é conceptualmente densa, froito dun continuo e laborioso traballo de investigación, mais sintética desde un punto de vista formal, e procura sempre primar a comunicación coa persoa espectadora. A súa investigación atinxe tanto aos límites e á historia do medio fotográfico —aos seus usos e formalizacións fóra e dentro do eido da arte— como a outros campos segundo as necesidades específicas de cada proxecto.
Alén do medio fotográfico, para esta proposta é patente a investigación que a artista leva a cabo noutros eidos como a historia contemporánea, a historia da arte moderna, a socioloxía ou a etnografía. Dun xeito que diriamos poético, Caldas fai un exercicio de arqueoloxía, ao buscar, achar e analizar artefactos xerados mediante a arte académica e a fotografía profesional. Deste xeito, por medio da arte, reconstrúe o contexto en que determinadas pezas da cultura material de Galicia foron realizadas, para desvelar a presenza soterrada das mulleres no rexistro histórico.
Ligazóns
Documentos
Folleto da exposición
(2.53 MB)
(...)