Ir o contido principal

Do 17 de febreiro ao 17 de xuño do 2018 Estratexias do desprazamento

Antoni Muntadas (Barcelona, 1942), figura de referencia da arte internacional, constrúe un discurso transdisciplinar centrado na crítica dos medios de comunicación; sitúa a función extensiva da arte na interacción coas ciencias sociais, os medios de masas e as novas tecnoloxías da información para desvelar os mecanismos lingüísticos do poder. Nos anos setenta crea o termo media landscape para denominar esta nova paisaxe mediática que é, desde ese momento, o obxecto principal da súa investigación.

Estratexias do desprazamento é unha mostra que revisa o traballo de Muntadas a través de proxectos específicos e incorpora o xiro recente da súa mirada cara á paisaxe. O autor traza un percorrido que refire un territorio inestable, cargado de interrogantes, nunha selección de proxectos que converxen ao redor de tres ideas: perder(se), desaparecer, ir(se).

A exposición reflicte unha dimensión esencial do traballo de Muntadas, xa que o conxunto constitúe un proxecto de proxectos aberto, en proceso. Os vídeos Dérive Veneziane (2015), Guadiana (2017) e Finisterre (2017) —os dous últimos realizados para esta exposición— interactúan con traballos como Media Sites /Monuments: Buenos Aires (2007), Double Exposure (1998-2007), On Translation: Fear/Miedo (2005), On Translation: Medo/Jauf (2007), Situaciones (2008) e The Nap / La Siesta / Dutje (1995).