Ir o contido principal

Construíndo tradición: Noite Meiga No local social da Igrexa da Magdalena

Exposición que reflicte como foi medrando e consolidándose a Noite Meiga. A mostra  inaugurará o xoves 29 ás 20:00 h no local social da Igrexa da Madalena en Ribadavia. Estará aberta durante todo o mes de novembro.

Noite Meiga é unha actividade creada por un grupo de mozas e mozos do Ribeiro, que se constitúe en Asociación cultural no ano 2001 co nome de Ribadavia Activa-T. Na senda da tradición de asociacionismo xuvenil na vila idéase un festexo que favoreza a sociabilidade que acaba insertándose entre os festexos do verán e os do tempo de Nadal e centrada en diversos elementos da tradición galega: meigas, defuntos, magosto, Santa Compaña… aos que se unen outros compoñentes como a Inquisición, a pasaxe do terror…

Noite Meiga xorde nunha sociedade viva na que o sector xuvenil é capaz de autoorganizarse. É  unha anovadora forma festiva que acaba callando e conformándose nun produto cultural singular.   

Na Noite Meiga ás actividades estruturais engádenselles outras cada ano, nun dinamismo de incorporacións e rexeitamentos, conseguindo así produtos sempre novos nun marco aparentemente estable.Usando como escenario o conxunto histórico da Vila, explicitando con isto o seu interese pola valorización do seu patrimonio cultural. En consecuencia: creando e re-creando tradición.

Ribadavia Activa-T está a construír tradición porque no fondo a diferenza entre “tradición” e “non tradición” está na súa aceptación social no tempo ou non. Pois cómpre lembrar que as tradicións mantéñense no tempo soamente cando están a ser decote recreadas, reinterpretadas e revividas. En definitiva nunha relación dinámica e de cambio, máis ou menos perceptible, consustancial á propia idea de tradición.

 

Horario do local social da "Igrexa da Madalena":

Martes a venres de 12:00 a 14:00 h. / 16:30 a 18:30 h.

Sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h.  

Pechado: domingo 1 de novembro.