Ir o contido principal

Caosmos

Caosmos é unha aproximación á traxectoria do artista galego Antón Patiño (Monforte de Lemos, Lugo, 1957), centrada nunha escolma de pezas que abrangue distintas etapas do seu labor no eido das artes plásticas, desde a súa participación na fundación de Atlántica (referencia central para a arte galega nas últimas décadas) ata a actualidade, pero tamén no ámbito da literatura e o pensamento, como autor de diversos libros de ensaio artístico e teoría da imaxe.

A súa é unha figura poliédrica mesmo se nos cinguimos á faceta de activista cultural. Profundo investigador das referencias culturais da Galicia moderna (desde Reimundo Patiño a Urbano Lugrís, Carlos Oroza ou Luís Seoane), mantén estreitos vínculos con poetas e escritores, e despregou unha intensa actividade como valedor e difusor da nosa cultura e literatura fóra de Galicia. O obxectivo da exposición é visibilizar todas estas conexións e pór de relevo as múltiples caras dunha personalidade rica e complexa.

O título, Caosmos, é ademais un concepto clave co que o artista vén traballando desde hai anos, un paradigma que define a sofisticación da hipermodernidade. As lendarias nocións antagónicas da cultura clásica, caos e cosmos, establecen unha fusión dialéctica nunha expresiva aleación conceptual, caosmos, seguindo a intuición do neoloxismo de Joyce.

As polaridades antagónicas como fontes de enerxía creativa estruturan un campo magnético de intuicións poético-artísticas. A presente mostra vai á procura deses espazos de conflito que definen a condición humana. Tensións entre natureza e cultura, pensamento e materia. A cor, o trazo e as representacións iconográficas establecen un espazo de fusión e de hibridacións.

Nunha sala de tránsito que comunica os dous niveis da exposición, atópase o arquivo con publicacións, cartas e apuntamentos do artista. Esta sección documental, que se completa coa proxección de ergografías e cun mapa conceptual, configúrase como unha sorte de labirinto ou arañeira que describe os cumios de intensidade do Caosmos.

Outra das paradas significativas da mostra é a estancia denominada Inventario de escumas, con centos de xanelas abertas ao mar, cada unha delas coa súa salpicadura ao chou. Unha peza amniótica onde as texturas sonoras do mar están presentes a través dun monitor que nos permite contemplar as obras na paisaxe dos areais atlánticos.

Ligazóns