Ir o contido principal

Arquivar para coidar(nos) Resultados do taller "O Forno da Amara"

"Recuerdo y vista", campo da Pastoriza, 1966. Foto cortesía de José Luis Fernández

Unha foto. Dúas. Trinta e tres. Duascentas vinte e catro. Van chegando de todos os lugares. Ábrense as portas das casas, as tapas das caixas de galletas, os álbums familiares.

Pasámolas de man en man. Imos de foto en foto e de historia en historia. Algunhas delas son luminosas, outras non encaixan, unhas poucas estaban agochadas ou esquecidas. Van emerxendo lembranzas asociadas ás fotografías e tamén se evidencian as ausencias: todas aquelas historias orfas de imaxe. A liña entre as lembranzas que son dunha e as que son de todas vaise esvaecendo.

O Forno da Amara, que toma o nome dunha das moitas panaderías que había na rúa dos Basquiños, é un proxecto comunitario que utiliza a potencia das fotografías domésticas para evocar e invocar un presente máis afectivo e cohesionado. Ao longo do último ano, os veciños e as veciñas das rúas e dos barrios da Almáciga, rúa de Teo, Os Basquiños, rúa de Abaixo, Santa Clara e San Roque compartiron no CGAC as fotografías dos seus álbums familiares co fin de xerar un arquivo vivo que dea fe da transformación da cidade e de quen a habita.

Con esta mostra, propoñemos un percorrido polo barrio que lembran as persoas participantes do taller e, a partir de relatos orais, compoñemos unha imaxe do que queremos para o futuro: a artesa, os xoguetes, o papaventos, os lentiscos, a porta e a ventá abertas, a placa, a máquina de coser… Todos estes obxectos e historias nos falan de soberanía alimentaria; dun lecer independizado e ocorrente, de memoria, de cultura da reparación, de coidados de proximidade e de vida interdependente. Así, sen idealizar o pasado, presentamos un compendio das imaxes, historias e maneiras de vivir xuntas que nos parecen valiosas para o futuro dos nosos barrios.

O Forno da Amara é un proxecto do CGAC e La Querencia no que participan Raúl Fernández, José Luis Fernández, Javier Suárez, María Jesús Suárez, José Luis Veiga Goi, Carmen Rosende, Milagros Rey, Ricardo Villaverde, Manuel Sánchez, Ana Moure, Ana Escariz e moitas máis veciñas e veciños.