After the whale Fotografías de gran formato que dialogan coas obras da colección do Museo de Belas Artes da Coruña.

Artista visual e poeta, Manuel Vilariño nace na Coruña en 1952.
Iníciase na fotografía nos anos 70 do século XX. Expón por primeira vez en 1983 en Ferrol e a súa obra empeza a espertar o interese do público e da crítica. A súa proposta artística caracterízase pola integración do mundo oriental co barroco español para expresar a inquietude que produce o paso do tempo no ser humano.
No ano 2007 gana o Premio Nacional de Fotografía do Ministerio de Cultura de España e participa no Pavillón Español da Bienal de Venecia co seu Paraíso fragmentado.
Entre as exposicións máis recentes de Manuel Vilariño destaca a que lle dedicou Tabacalera en Madrid, en 2013, e a antolóxica do CGAC, en 2015.
A obra Paraíso fragmentado (1999-2003) forma parte da colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña. Esta peza é un mosaico de naturezas mortas formado por 15 fotografías que crean, entre todas, unha composición única onde a idea da morte ten un valor esencial.
A exposición "After the whale" componse de fotografías de gran formato, vídeos e instalacións que dialogan coas obras da colección do museo. Algunhas das imaxes de Manuel Vilariño teñen unha forte carga alegórica con relación directa co xénero da natureza morta. Outras pezas relaciónanse con outros xéneros da pintura como a paisaxe ou o retrato.
As súas paisaxes son obras cargadas de valores poéticos e presentan unha natureza sublime que se relaciona co romanticismo nórdico. Pola súa banda, o retrato de mulleres toma un gran protagonismo na mostra, sobre todo tendo en conta que nas últimas décadas non estivo presente nas súas exposicións.
"After the whale" constitúe un ambicioso proxecto expositivo, onde o artista realiza unha lectura poética sobre a vida e a morte, dous dos seus temas máis recorrentes que personifica nos seres e elementos da natureza salvaxe.
O Museo de Belas Artes da Coruña, como institución viva e dinámica, no centenario da súa creación asume o reto de mostrar, sen perder as súas referencias históricas, aqueles discursos expositivos que permiten coñecer e interpretar o pensamento e os modos de acción da arte contemporánea. Para iso estimula a exclusiva proposta que aquí cobra impulso: a intervención que nos espazos do propio museo realiza o polifacético artista e poeta galego Manuel Vilariño e onde desprega a súa persoal linguaxe creativa e compositiva.