Ir o contido principal

Do 9 de xaneiro ao 31 de xaneiro do 2024 - 20:00h Proxecto museográfico do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A cidade. Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A presentación pública terá lugar o 10 de xaneiro na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

De xeito especial, o Museo, en vez de escoller algunha peza de entre os seus fondos para singularizala, continúa coa iniciativa comezada o mes de decembro, e facendo unha magnífica síntese, de dar a coñecer o contido e percorrido polo seu novo proxecto museográfico, centrándose nunha das súas Áreas Temáticas. Despois da Área do Territorio, este mes explícase a Área Temática da Cidade.

Tras varios anos, arranca a tan necesaria renovación do museo, mellorando as condicións de exposición, conservación e divulgación dos bens que custodia.

En estreita relación co proxecto arquitectónico, desenvólvese a explicación do discurso expositivo, tendo en conta que a misión do Museo Arqueolóxico Provincial é dar a coñecer o proceso histórico do seu territorio de referencia, a provincia de Ourense, a través dos bens culturais que integran as súas coleccións. Para iso, a exposición permanente eríxese como principal medio de comunicación dos seus contidos e punto de encontro entre o visitante e a propia institución. Trátase de interpretar a historia de  Ourense a través dun itinerario cronolóxico e temático, integrando os restos  arqueolóxicos do solar e do propio edificio como un marco de extraordinario valor arquitectónico.

Obxecto da peza do mes de xaneiro, desenvólvense as importantes Preexistencias arqueolóxicas no antigo Pazo do Bispo. Os restos arqueolóxicos, conxuntamente coa historia do edificio do Pazo episcopal, explicaranse por medio de paneis individualizados formal e graficamente.

De xeito paralelo, e dentro do discurso, na primeira planta do edificio desenvolverase a área temática da exposición permanente dedicada á cidade de Ourense, desde as súas orixes ata finais da Idade Media, cos seguintes módulos expositivos: Ourense romano, as termas e As Burgas como centro terapéutico-relixioso e hixiénico, a antigüidade tardía e o cristianismo e finalmente a cidade medieval.

Ademais da súa presentación pública, a publicación virtual está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre os restos arqueolóxicos do Pazo do Bispo. Neste caso, a persoa que elaborou o texto foi Manuel Xusto Rodríguez; a explicación pública será a cargo de Avelino Rodríguez González.