Ir o contido principal

Do 1 de xuño ao 30 de xuño do 2021 - 10:00h Peza do mes: Vaso votivo. Castro de Castromao Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

A peza protagonista deste mes foi recuperada na campaña de escavación de 2007 no xacemento de Castromao, no sur de Ourense.

Trátase da parte superior dunha xerra ou vaso de 10’5 cm de diámetro aproximadamente cunha decoración característica. Xunto a cuncas hemisféricas e cordóns, destaca a cabeza dun león e acios de uvas. As hipóteses apuntan a que se trataría dun vaso votivo ou relacionado con algunha función ritual.

As características da pasta apuntarían a unha cerámica común fina producida en Bracara Augusta, centro oleiro de Braga e habitual provedor de cerámicas dos xacementos do val do río Arnoia, aínda que ata agora non se identificou unha peza similar nos xacementos do noroeste ou peninsulares.

Habitualmente faise unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza escollida. Co fin de garantir a saúde de visitantes e traballadores, e seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa Covid-19, aínda que a Sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, seguen canceladas as actividades presenciais.

Non obstante, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre o contexto histórico, as relacións arqueolóxicas e as pezas de semellantes características, ademais das hipóteses sobre a súa funcionalidade, a cargo, neste caso, de Alba Antía Rodríguez Nóvoa.