Ir o contido principal

Do 1 de xuño ao 30 de xuño do 2022 - 10:00h Peza do mes: A punta palmela da “Illa de Pazos” (Muíños, Ourense) Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

A peza que protagoniza este mes foi atopada en sondaxes levadas a cabo no 1991 neste xacemento do interior, que recibe o curioso nome de illa por atoparse nun outeiro (máis de 500 mts) cara o río Limia que se converte en illa cando sobe moito a cota da auga do encoro das Conchas. Tamén coñecido como “xacemento de Barxés», foi referencia obrigada para os estudos sobre a prehistoria recente do noroeste hispánico.

Trátase dunha punta de lanza coñecida como punta Palmela, unha lixeira peza alongada de cobre, con pedúnculo e duns 6,5x1,4 cms.

A pesar do seu nome, os usos específicos deste tipo aínda non están claros. A maioría dos autores inclínanse pola función de armadura para as lanzas, mais que puntas de frecha propiamente ditas por ser demasiado pesadas, pero isto ten matices.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo  Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre os criterios da sondaxe no xacemento, os materiais asociados, a importancia da peza no estudo dos inicios da metalurxia no noroeste e o seu complexo ámbito cronolóxico e a descrición máis polo miúdo, nun estudio, neste caso, a cargo de José María Eguileta Franco.