Ir o contido principal

Do 1 de decembro ao 31 de decembro do 2021 - 10:00h Peza do mes: Puñal tipo Miraveche-Monte Bernorio. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

A peza protagonista deste mes é un puñal con grandes retos interpretativos, sobre todo no que respecta ao seu contexto cronolóxico e cultural. Localizado na zona máis profunda do foso do castro de Santomé, este tipo de armas procede, fundamentalmente, de ambientes funerarios, formando parte do enxoval. O nome deste tipo de puñal xurde como referencia aos xacementos da Meseta norte (Burgos e Palencia) nos que foi atopado por primeira vez. A súa tipoloxía atópase entre unha das máis peculiares da Idade do Ferro no norte da Península Ibérica, tanto polas súas  características formais e decorativas, como polo sistema de suxeición entre vaíña e enganche de talabarte. Así mesmo, dadas as características de moitos destes puñais, especialmente pola decoración, exclusividade e forma, cabe a posibilidade de que tamén fosen símbolo e insignia dunha determinada clase social, representativos do seu prestixio e status.

 

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas, paralelismos e interpretación, nun estudio, a cargo, neste caso, de Xulio Rodríguez González e Carmelo Fernández Ibáñez.