Do 13 de setembro ao 30 de setembro do 2023 - 20:00h Peza do mes: Molde de fundición. Castro de Castromao Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor. A presentación terá lugar na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
O obxecto protagonista deste mes é un fragmento de molde de esteatita, para fundir barras, pranchas e tortas de diferentes tamaños, un obxecto que testemuña o preciso dominio das técnicas da metalurxia (pola súa forma) e unha importante rede de intercambios a media distancia (xacementos de esteatita).
A peza é unha valva de fundición de esteatita de forma rectangular que ten tallados catro dos seus lados; os dous maiores abertos para barras, pranchas e tortas, e os menores para lingotes de diferentes anchuras e grosores.
Este molde foi achado na escavación da croa do castro, realizada en 1978 por Francisco Fariña e dátase arredor dos séculos V-III a. C; as súas dimensións son 8,3 x 6,8 x 4,2 cm. Forma parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense co nº de inventario CE005208/66.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas e filiacións, o estudio pormenorizado do material empregado así como no contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Ana Mª Veiga Romero.