Do 1 de outubro ao 31 de outubro do 2026 - 10:00h Peza do mes: Fotografía do arco neomudéxar en homenaxe ao Padre Feijoo Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes aos fondos do Museo
A presentación pública terá lugar o mércores 14 de outubro ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, do fondo fotográfico) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
Para o mes de outubro escolleuse unha fotografía vencellada ao Padre Feijoo, no ano en que se conmemoran 350 anos do seu nacemento.
En 1887 inaugurouse en Ourense a estatua do Padre Feijoo, nun contexto de celebracións polo II Centenario do seu nacemento. Entre os elementos efémeros construídos para a ocasión destacou un arco triunfal de carácter neomudéxar, deseñado por Antonio Torres Tirado. A estrutura, situada na antiga Travesía da rúa de Alba, estaba formada por un gran arco de ferradura flanqueado por dúas torres ameadas. A fotografía conservada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, realizada por José Martino, constitúe un testemuño documental deste elemento desaparecido e das celebracións de 1887.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se pode afondar no contexto que deu lugar a esta fotografía e a importante figura do Padre Feijoo.