Ir o contido principal

Do 1 de maio ao 31 de maio do 2021 - 10:00h Peza do mes: Esferoide do Valiño Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

O esferoide perforado do Valiño (Cartelle, Ourense).

O esferoide protagonista deste mes é de anfibolita pulida, con forma globular aplanada con perforación central. Medidas: 77 mm (diámetro maior; diámetro máximo da perforación: 34 mm; diámetro mínimo da perforación: 21 mm).

A peza provén dun túmulo da paraxe do Valiño (Terzas, Cartelle, Ourense), monumento hoxe moi desfeito que conserva só o inicio da masa tumular, o que supón unha carencia de contexto.

Este tipo de obxectos, con difícil coñecemento da súa funcionalidade) son escasos nos túmulos megalíticos, non só no noroeste pero o  do Valiño, con forma globular, superficie lisa e sen adornos, é excepcional en Galicia.

 

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

Habitualmente faise unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza escollida. Co fin de garantir a saúde de visitantes e traballadores, e seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa Covid-19, aínda que a Sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, seguen canceladas as actividades presenciais.

Non obstante, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible en PDF neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre o contexto histórico, as relacións arqueolóxicas e as pezas de semellantes características, ademais das hipóteses sobre a súa funcionalidade, a cargo, neste caso, de José María Eguileta Franco.