Ir o contido principal

Do 1 de outubro ao 31 de outubro do 2022 - 10:00h Peza do mes: Colección SEGA (Serigrafías de Arte) Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, artísticos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

O conxunto de pezas que protagoniza este mes é unha colección completa, de 26 artistas galegos elaboradas coa técnica da arte serigráfica. A técnica, a estampación de varias capas de impresión complementarias, con tintas planas, a través dunha trama de seda (de aí a denominación da técnica) tensada nun bastidor, ten a vantaxe de que se pode aplicar practicamente sobre calquera soporte e facilita a edición de obras de arte en grandes tiraxes, a prezos accesibles para o gran público.

En decembro de 2003 abriuse, na Casa das Artes de Vigo, unha mostra antolóxica da  produción artística de SEGA, baixo o título de «Tintas Galegas», celebrada como homenaxe ao seu impulsor, Álvaro Álvarez Blázquez, que no momento contaba con 82 anos de idade. Amosáronse un total de 81 serigrafías, de 26 autores e autoras, cun tamaño, case todas elas, de 65 x 50 cm. Esta exposición estaba introducida por dúas series didácticas de Virxilio («Mulleres á ventana» e outra sen título) con nove obras cada unha, que serven para ilustrar os distintos pasos do proceso técnico de estampación. Outros dez autores e autoras máis

suman obra aos que orixinalmente expuxeran en Ourense en 1971: Eugenio Granell, Rafael Alonso, Datas, Laxeiro, Castelao, Leopoldo Varela, Antonio Marcos, Xulio Prieto Nespereira, Berta Álvarez Cáccamo e Urbano Lugrís.

Por especial interese da familia, o Museo Arqueolóxico de Ourense conta desde 2007 con esta colección completa, de 26 artistas galegos, todos eles ben representativos da arte galega contemporánea. O conxunto ingresou por compra, como depósito da Xunta de Galicia e quedou rexistrado cos números DX0904 a DX0985.

 

 A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo  Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre a técnica e o contexto cultural que acolle a esta colección, nun estudio, neste caso, a cargo de Belén Lorenzo Rumbao.