Ir o contido principal

Do 1 de marzo ao 31 de marzo do 2021 - 10:00h Peza do mes: Caderno de debuxos inéditos do P. Sarmiento (1725-1755) Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Pedro José Alonso García, quen ao profesar como beneditino toma o nome de Fr. Martín Sarmiento nacía o 9 de marzo de 1695. Estamos, pois, ante o 336 aniversario do seu  nacemento, unha boa ocasión para dedicarlle a Peza do mes, e mostrar unha cara oculta e inédita da súa polimórfica obra. Trátase do seu caderno de debuxos, onde descubrimos a súa faceta artística. A importancia deste traballo fica ademais en que o P. Sarmiento, inmortalizou as pezas, «in situ», nos lugares onde se encontraban no século XVIII. Son pois, «fotografías» das súas viaxes.

Estes debuxos serán o complemento aos Cadernos, no que el denominou «Peregrinaciones propias». Todos os debuxos coinciden exactamente cos lugares por onde pasou o P. Sarmiento, nas súas tres viaxes a Galicia, 1725, 1745 e 1754-1755. Os seus desprazamentos convértense en vehículos de transmisión de coñecementos e actitudes, que amosan aspectos como a historia, a botánica ou a xeografía.

O Caderno foi adquirido pola Comisión de Monumentos a comezos do século XX. De formato apaisado (28 x 38 cm), encadernado en rústica e con lombo de pel, consta de 76 láminas.

No referido á temática, hai debuxos composteláns, e doutros lugares como A Pastoriza, Muros, Lugo, Ourense, etc.

Como cada mes, o Museo escolle algunha obra de entre os seus fondos –neste caso, dos documentais- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

 

Habitualmente faise unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características da obra escollida, Non obstante, co fin de garantir a saúde de visitantes e traballadores, e seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa Covid-19, continúase coa cancelación das actividades presenciais. Non obstante, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible en PDF neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode ver máis polo miúdo as características e contexto deste caderno e do seu autor, a cargo, neste caso, de Justo Carnicero Méndez-Aguirre.

 

A sala de exposicións Escolma de Escultura si está aberta ao público. Por outra banda, as persoas que precisen realizar algunha consulta poden facelo a través do enderezo electrónico: mapour@xunta.gal ou no teléfono 988 788 439.