Ir o contido principal

Do 1 de febreiro ao 28 de febreiro do 2022 - 10:00h Peza do mes: Brazalete. Castro de San Cibrao de Las Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

 

O Museo continúa o ano poñendo en valor unha peza achada no ano 2000 nas escavacións do Castro de San Cibrao de Las, e avanzar así no seu coñecemento e estudio.

Nas últimas escavacións arqueolóxicas levadas a cabo no Castro  sucedéronse un bo número de achados de obxectos de adorno persoal realizados en bronce, entre os que destaca este brazalete. De bronce fundido e do século I a. C., é unha peza elíptica e de sección triangular, fundida en cera perdida, de pequenas dimensións (eixe maior 5,8; eixe menor 4,26; anchura 0,9 e un peso de 23 g.) e coidadosamente decorada. As súas pequenas dimensións levan a pensar nun adorno ou amuleto infantil.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas e filiacións así como no contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Ana Mª Veiga Romero.