Ir o contido principal

Do 1 de xaneiro ao 31 de xaneiro do 2022 - 10:00h Peza do mes: Albarelo da farmacia do colexio Santiago Apóstolo Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

O Museo comeza o ano poñendo en valor unha peza única por varias razóns: é a única  conservada da botica de Monterrei, non se conserva outra en Galicia e amosa unha iconografía propia, co escudo da Compañía de Xesús.

Este albarelo chegou ao Museo Arqueolóxico en xaneiro de 1905. A cerámica é de tipo Talavera, con escudos en azul cobalto que destacan sobre o branco, e mide 28 cm de altura por 10 cm de diámetro.

Este obxecto da fe da importancia das boticas e os boticarios nos colexios xesuítas dende o século XVII e ata a súa expulsión, sendo verdadeiros coñecedores de plantas medicinais, compostos e mesmo conxugado coa teoría dos clásicos, formando verdadeiras bibliotecas de temas medicinais.

 

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas, así como sobre a formación e a importancia das boticas nos centros xesuítas en Galicia, nun estudio, a cargo, neste caso, de Justo Carnicero Méndez-Aguirre.