Ir o contido principal

Do 6 de maio ao 10 de xuño do 2021 - 10:00h Imaxina o teu museo Proposta para os centros escolares co gallo da celebración do Día Internacional dos Museos

Este ano, a celebración anual do Día Internacional dos Museos ten por lema “O futuro dos museos: Recuperar e reimaxinar”.

Con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos 2021, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense súmase á celebración ao través de varias propostas. Entre elas quere convidar aos centros escolares da provincia a participar no proxecto “Imaxina o teu Museo”, co fin de establecer a vinculación entre os centros e a futura sede.

Dito proxecto consiste en que as rapazas e rapaces de primaria do voso centro fagan unha proposta de deseño dunha sala expositiva do museo, ben a través dun debuxo, dunha maqueta ou outra técnica.

Na páxina web do museo poden verse algunhas das pezas coas que conta o museo (http://www.musarqourense.xunta.es/category/peza_mes/) e que poden servir de axuda para a realización da proposta, aínda que o museo tamén pode enviar unha selección sobre a que traballar. Para guiarvos e axudarvos na realización do proxecto podedes contactar en todo momento con Begoña Garrido (begogal@xeitura.com)

A data límite de participación é o 10 de xuño. A partir desa data todas as propostas estarán colgadas na web do museo e entre elas sortearanse uns lotes de libros para as bibliotecas dos centros. Ademais, a proposta máis interesante recibirá como premio un obradoiro de temática arqueolóxica no centro escolar, agasallo de Xeitura.

Se estades interesados en participar no proxecto, ou para calquera aclaración, mandade un correo a reservas@xeitura.com para que vos enviemos a ficha de inscrición e a unidade de traballo.