Ir o contido principal

Do 30 de setembro ao 28 de outubro do 2026 - 19:30h A emigración galega en Cuba Ciclo de conferencias no marco da exposición "Habana Mater"

O Museo de Belas Artes organiza un ciclo de conferencias no marco da exposición "Habana Mater".

O ciclo "A emigración galega en Cuba", reúne unha serie de especialistas para tratar e afondar no coñecemento da diáspora galega a Cuba e a vinculación da sociedade galega da época co Centro Galego da Habana.

Datas: Mércores, 30 de setembro, 14, 21 e 28 de outubro de 2026

Horario: 19:30h

Lugar: Salón de actos do Museo

Entrada de balde ata completar aforo

Programación

30 de setembro

Emigrando camiño de América. Sobre a popa dun aleve negreiro vapor -
Impartida entre Arantxa Fernández Crespo e Alberto Fuentes Valcárcel

Tomando como referencia varios lugares emblemáticos da Habana Vieja, vanse destacando as pegadas materiais, aínda visibles, da comunidade galega rescatando o patrimonio inmaterial que subxace nelas. Así mesmo, a través dun percorrido histórico e dos personaxes poñeranse en relación as dúas ciudades, A Habana e A Coruña: desde 1764 coa apertura do Porto da Coruña ao comercio con América, creándose a liña comercial a través de Cuba, pasando pola construción de novas institucións e o embelecemento e decoro da cidade, ata 1961 cando se rompen os lazos coa retirada do Cónsul Cubano na Coruña.

14 de outubro

De raíz profunda: apuntes para unha breve historia das relacións entre Cuba e Galicia - Impartida entre Pilar Cagiao Vila e Nancy Pérez Rey

Cuba e Galicia comparten unha longa historia tecida a través do Atlántico, construída a partir de viaxes, emigración, encontros e intercambios. A conferencia propón un percorrido en dous tempos: unha aproximación aos principais momentos e protagonistas destas relacións, desde a emigración galega ata a súa presenza na vida cultural e social da illa, e unha segunda parte dedicada ao exilio galego en Cuba e á experiencia das propias investigadoras no traballo de localización, acceso e estudo de fontes documentais cubanas, unha tarefa á que dedicaron anos de investigación. Unha viaxe entre dúas beiras para comprender como emigración, exilio, cultura e investigación foron construíndo unha raíz profunda e compartida.

21 de outubro

Desde Caamouco a Casablanca, os dous barrios da mesma aldea - por Ernesto López Naveiras

Conferencia sobre a pesca no Golfo de México nos barcos viveiros dos mariñeiros emigrados de Caamouco e as repercusións da emigración na economía local. A diáspora continuada de grandes continxentes a nivel local conformou novas estruturas sociais e económicas dentro da xeografía galega microterritorial e as pegadas deste proceso aínda están moi vivas na cultura e na vida dos galegos.

28 de outubro

A Habana en cinco séculos de imaxes
 - por Niurka Fanego

Unha viaxe polo aspecto físico da cidade e algunhas das súas transformacións históricas, narrado a través de testemuños artísticos que deveñen rexistros da contorna e os seus habitantes. Para documentar este devir recorremos ás coleccións de varias institucións patrimoniais, como o Museo Nacional de Belas Artes de Cuba, fundamentalmente, e o Gabinete de Arqueoloxía da Oficina do Historiador da Cidade, entre outras. A través de debuxos, estampas, cartografía, obxectos arqueolóxicos, pinturas, fotografía e cine, ofreceremos unha descrición desta urbe cosmopolita que, ao longo dos séculos, foi enclave estratéxico para o Novo Mundo.