Ir o contido principal

14 de decembro - 16:00h A arte do exilio galego A arte do exilio galego no Museo Provincial de Lugo

A Lei 20/2022 do 19 de outubro de Memoria democrática estableceu o 8 de maio como o Día Oficial do Exilio en homenaxe ás vítimas da diáspora, cumprindo a débeda cos que tiveron que fuxir da súa terra e recoñecendo a medio millón de persoas que padeceron esa experiencia por mor dun conflito bélico fratricida e do posterior réxime ditatorial. Arestora, este colectivo está máis presente na nosa sociedade en función de homenaxes ou eventos de rescate pero tamén é necesario ter abertas liñas de investigación nas que se encadran todas as variables relativas á arte do exilio para profundar e dar a coñecer este tema.

Non obstante, con esta iniciativa do Museo Provincial de Lugo, pretendemos fuxir das celebracións conmemorativas e datas concretas para traballar a cotío con actividades como a presente poñendo o foco na parte do exilio galego relacionada coa arte e os seus creadores cos seguintes obxectivos:

· Lembrar os nomes dos artistas que

forzosamente marcharon ao exilio.

· Re-coñecer a súa produción

creativa constatando a influencia

do exilio nas obras.

· Estudar os contextos: antecedentes,

feitos e consecuencias, para valorar o

impacto desa diáspora tanto na patria

abandonada como nos países de acollida.

· Divulgar e transferir o coñecemento

desta parte da nosa historia para

recuperar obxectivamente a súa

memoria de xeito colectivo, pero vendo

a especificidade galega e os fondos do

Museo Provincial de Lugo en concreto.

A lembranza do exilio artístico galego é un compromiso asumido e un deber para que as xeracións que non o coñeceron constaten a perda e o sufrimento que provocou no pasado século. O coñecemento contribúe a rescatar a memoria e o diálogo interdisciplinar enriquece a investigación.

Con esta actividade coordinada pola directora do MPL e a profesora investigadora da UCM, Inmaculada Real, realizaranse varios relatorios de profesores universitarios e investigadores vinculados co tema a tratar, con estudos e publicacións ao respecto, seguidas dunha multidisciplinar palestra conxunta e dunha práctica consistente en extrapolar o exilio da arte galega ás coleccións do Museo Provincial de Lugo. Así mesmo, aproveitarase a data desta actividade para presentar un tríptico impreso que materializa os estudos realizados cun percorrido monográfico aos fondos do exilio galego do MPL para que os visitantes interesados neste tema accedan, comprendan e valoren a importancia de lembrar e identificar un legado histórico artístico determinado.

Finalmente, esta xornada coincidirá coa exposición temporal de Leopoldo Nóvoa, outro artista relacionado co exilio galego.