Skip to main content

A Xunta inaugura no Museo Etnolóxico de Ribadavia unha exposición sobre ferramentas de loita contra os incendios

Acto de inauguración

Baixo o título de "EPI e ferramentas da man das bombeiras e bombeiros forestais", o Museo Etnolóxico de Ribadavia, que forma parte da rede museística da Xunta de Galicia, acolle ata finais de xaneiro unha mostra sobre utensilios e aparatos empregados na loita contra os incendios.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que participou o 21 de outubro na inauguración, destacou que este proxecto expositivo contribúe “a entender, reforzar e enaltecer, aínda máis, o enorme labor que desenvolven os bombeiros forestais” na loita contra a lacra dos incendios.

A exposición está composta por 54 pezas cedidas pola Brigada de Reforzo en Incendios Forestais, BRIF de Laza, o Servizo de Prevención de Incendios de Ourense, así como polo bombeiro Roi Juan López Muriel, que acompañou ao representante da Xunta e ao director do museo, César Llana, entre outros asistentes á inauguración.

Entre as pezas expostas, cómpre destacar os primeiros equipos de comunicación, elementos de topografía, un queimador e equipos de protección persoal. Tamén se inclúen os traxes de traballo e outros elementos como botas, cascos, máscaras de protección, cobrecalugas ou gafas; así mesmo, ferramentas como fachón de goteo, mochilas extintoras, lanzas de mangueira, lanternas e estoxos de primeiros auxilios, entre outros. A mostra, que estará aberta ao público ata o 31 de xaneiro, complétase con fotografías, paneis explicativos e dous monitores para a proxección de vídeos sobre esta temática.

Ligazóns