Skip to main content

Román Rodríguez anuncia que a adxudicación da ampliación do Museo Massó se resolverá esta primavera

Un momento da visita

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o Museo Massó onde anunciou que esta primavera estará resolta a adxudicación para proceder á súa ampliación cun investimento de 1,2M€. Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o conselleiro referiuse a estas obras como "un paso adiante para ampliar a rede museística galega, xa que permitirá recuperar elementos do noso patrimonio coa rehabilitación de históricas edificacións e tamén valiosos fondos que contribuirán a ampliar e divulgar o amplo legado da historia de Galicia", expresou.

Como explicou, o proxecto de ampliación do Museo Massó é unha das accións enmarcadas no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta do Goberno autonómico coa que este ano se está a acompañar ao sector no seu momento de impulso. Entre os seus cinco eixos de actuacións inclúese a mellora de infraestruturas culturais e a conservación do legado patrimonial como a que está prevista no museo. Neste caso, as actuacións van encamiñadas a mellorar as condicións de uso e recuperar e restaurar as estruturas históricas descubertas que amosan o valor patrimonial da arquitectura industrial de finais do século XIX, e a súa posta en valor.

"Tamén melloraremos as condicións enerxéticas do edificio para o que se actuará nas cubertas e fachadas con solucións que incorporarán illamento térmico e optimizarán o fluxo de enerxía. Ademais, dotarase de maior seguridade e accesibilidade aos edificios", engadiu Román Rodríguez.

Nova sala Lugrís

En concreto, no primeiro andar recuperarase a estrutura tipolóxica da antiga Salgadura Piñeiro e poranse en valor as estruturas orixinais de pedra ao tempo que se vai mellorar a ventilación natural do espazo substituíndo os peches de vidro por reixas.

No andar superior a actuación pretende recuperar o espazo orixinal da antiga tribuna e acondicionalo para que sirva de sala de exposición dedicada a Urbano Lugrís, iniciada en 2021, para integrala na exposición permanente. Isto permitirá mostrarlle ao público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan cerca de 300 metros lineais. Na fachada cara a rúa Montero Ríos reporase a estrutura de madeira da zona balconada e tratarase a fachada de pedra.

Os traballos complétanse nas antigas conserveiras, onde se fará unha posta en valor da estrutura da cuberta das naves realizada con tesoiras de madeira de eucalipto e tesoiras mixtas de madeira de eucalipto e piñeiro. De feito, preténdese incorporar a singularidade desta estrutura espacial de tesoiras no discurso expositivo para o que se prevé incluír unha zona acristalada superior para facer visible o resto da estrutura desde a sala de exposicións temporais. Tamén se construirá unha nova fachada cara a Praza Massó e habilitarase unha nova sala de incendios.

Finalmente, na Casa Mariñeira melloraranse as condicións de accesibilidade e seguridade de incendios e actuarase na fachada de pedra cara a rúa Montero Ríos. A maiores, o proxecto prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.