Skip to main content

Os fotógrafos Lúa Ribeira e André Cepeda protagonizan os primeiros talleres da mostra "Percorrer o tempo"

A fotógrafa Lúa Ribeira, primeira galega na Axencia Magnum, e o portugués André Cepeda, de extenso percorrido internacional, protagonizarán os primeiros talleres da mostra "Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño", que a Xunta de Galicia inaugurará na Coruña a vindeira semana.

As sesións, dirixidas tanto a profesionais como a afeccionados/as da fotografía, terán lugar nas xornadas do sábado 18 e do domingo 19 de setembro entre as 10.00 e as 14.00 horas no Museo de Belas Artes e nelas Lúa e André abordarán a súa metodoloxía de traballo e revisarán a das persoas asistentes. Cómpre ter en conta que para asistir é preciso inscribirse previamente a través do teléfono do museo (881 881 700) a partir do martes 14 e en horario de 9.00 a 14.00 horas.

As actividades deseñadas ao abeiro desta exposición complétanse cunha conferencia na que Lúa Ribeira e André Cepeda exporán os seus traballos. A cita terá lugar o sábado a partir das 18.00 no propio museo e a entrada será libre ata completar aforo.

Estas iniciativas encádranse na mostra "Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño" que a Xunta de Galicia, co apoio da Fundación la Caixa, promove para achegar diversas perspectivas das rutas xacobeas a través da ollada de dez artistas do eido audiovisual.