Skip to main content

O Museo Massó ofrece unha nova mostra sobre Antonio Massó

'Antonio Massó en cor marfil' amosará ata o 31 de outubro os pirogravados dun dos irmáns fundadores da fábrica de conservas que acolle hoxe as dependencias deste centro museístico dependente da Consellería.

Antonio Massó A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta tarde a exposición temporal Antonio Massó en cor marfil, que permanecerá no Museo Massó de Bueu ata o 31 de outubro. No acto tamén participaron o fillo do propio Antonio Massó, Antonio Massó de Ariza e a directora do Museo, Covadonga López de Prado Nistal, que exerce ademais de comisaria da exposición.

Esta mostra forma parte da ampla programación cultural que ofrece o Museo Massó, que neste verán reforza o seu horario abrindo ata as 12 da noite os días 3, 7 e 16 de agosto. Antonio Massó en cor marfil, que se integra dentro do percorrido da colección permanente, reúne diversas obras do empresario Antonio Massó nas que se evidencia a súa faceta creativa co emprego da técnica do pirogravado. Ademais, recoñece o seu importante labor na difusión da colección do Museo, chegando a deseñar o ex-libris da biblioteca familiar.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo sinalou que "esta exposición presenta unha perspectiva múltiple da implicación cultural dos emprendedores da industria vinculada ao mar: por unha banda, o labor de mecenado de artistas de alta calidade; por outra, a propia vertente artística familiar; e, finalmente, ese importantísimo labor de compilación da familia Massó".

Artista do marfil

Antonio Massó García (Vigo, 1906-1988) formou parte da terceira xeración da saga catalá dos Massó, que se estableceu en Bueu (Pontevedra) a principios do século XIX para dedicarse á salgadura e conserva de peixe. A súa inclinación artística levouno a facerse cargo da imaxe e a publicidade da fábrica de conservas Massó Hermanos e a desenvolver unha gran destreza no scrimshaw ("talla en marfil"), unha arte moi antiga desempeñada tradicionalmente polos cazadores de baleas. Así, na súa madurez o empresario cultivou a meticulosa técnica do pirogravado, que consiste en gravar por medio dun buril eléctrico que queima a superficie sobre a que se traballa, servíndose do marfil dos cairos de cachalote procedentes das factorías baleeiras da familia para reproducir escenas navais e de caza da balea. Deste xeito, tal e como destacou o secretario xeral de Cultura, "Antonio Massó recolleu dunha maneira natural os propios materiais da súa industria baleeira e, nun labor que ten algo tamén de artesán, transformou os cairos dos cachalotes en pequenas obras de arte".

'Memoria cultural dunha época'

A sede do Museo Massó sitúase no edificio máis antigo da fábrica de conservas Massó Hermanos. Ten a súa orixe na colección que os irmáns Massó mostraron ao público dende 1932 no antigo Museo Marítimo, e que pasou a converterse no ano 2002 –xa co nome de Museo Massó– nunha institución de titularidade pública pertencente á Xunta de Galicia.
A exposición permanente reúne unha importante cantidade de libros imprimidos entre os séculos XV e XIX, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas; na que "conviven unha memoria industrial pero tamén a memoria cultural dunha época", segundo apuntou Anxo Lorenzo. Neste senso, o secretario xeral de Cultura tamén sinalou na súa intervención que "estas achegas contribúen a achegarlle á cidadanía a mostra dun pasado recente que mudou a sociedade da zona, e que marcou unha nova época de desenvolvemento industrial que cómpre documentar, estudar e coñecer".