Skip to main content

O Museo Etnolóxico colabora no proxecto "O fogar das Musas"

O Museo Etnolóxico colabora no proxecto "O fogar das Musas"

Durante o mes de marzo, o equipo do Museo Etnolóxico acompañou, en varias sesións, ás docentes vinculadas ao proxecto “O fogar das musas” na súa formación para a xestión dunha colección museográfica. Guióuselles en temas relacionados co inventariado, catalogación, documentación e restauración, información que pode ser de utilidade na súa nova andaina.

Esta idea, que naceu da Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, busca protexer o patrimonio vinculado ao centro, así como á educación en xeral. Un proxecto colaborativo, cunha implicación abraiante, que busca tanto protexer como dar a coñecer o patrimonio, mobilizando á súa vez ao alumnado.

Como din na súa páxina web “...a nosa conclusión foi, entre outras moitas, que o público aprecia pouco o traballo que se fai nos museos, pois as exposicións son unicamente a punta do iceberg, e hai moitísimas horas de dedicación con rigorosa profesionalidade que non vemos. Millóns de grazas a César, Rosa e Coté, persoas boas e xenerosas, e moi sabias, por compartirnos o seu bo facer!

A partir de agora, temos que comezar a inventariar as nosas pezas nun percorrido que non sabemos onde nos vai levar, pero que consideramos necesario. Implicaremos ao alumnado e tentaremos que revirta no favor da comunidade educativa e na nosa vila”.

O proxecto "O fogar das Musas" nace como unha obriga moral de xestionar e poñer en valor o patrimonio deste centro de ensino, que é unha ferramenta educativa en si mesma. Esta é a razón pola que abordan a musealización do centro, con, entre outros, os seguintes obxectivos:

  • Presentar os espazos do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro no seu contexto histórico-artístico.
  • Inventariar e documentar as pezas de interese, obras de arte, doazóns, publicacións senlleiras, instrumentos musicais, vestixios arqueolóxicos...
  • Mobilizar ao alumnado no coñecemento e posta en valor do seu patrimonio