Skip to main content

Inaugurada no Museo de Belas Artes a exposición "Picasso. Branco no recordo azul"

Acto de inauguración

O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario da morte de Pablo Picasso e, polo tanto, o ano representará unha celebración da súa obra e o seu legado artístico a nivel internacional. Os gobernos francés e español quixeron celebrar este acontecemento transnacional a través dunha comisión que reúne as administracións culturais e diplomáticas de ambos países.

"Picasso. Branco no recordo azul" é unha das actividades coas que a Xunta de Galicia celebra o ano Picasso para reivindicar a pegada galega na traxectoria do artista. A exposición reúne máis de 120 pezas –68 de Picasso– de 35 prestadores internacionais e nacionais que proceden de coleccionistas privados ou institucións como o Museu Picasso de Barcelona, a Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso para el Arte (FABA), o Musée National Picasso de París, o Museo Picasso de Antibes, o Museo Reina Sofía, o Museo Picasso de Málaga, o Museo Casa Natal de Picasso de Málaga, ABANCA, o Concello da Coruña, a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, a Deputación da Coruña, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Museo do Gravado e da Estampa de Artes (Ribeira), a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, o Banco Santander e o Museo da Universidade de Navarra.

A exposición temporal ocupará distintos espazos expositivos do Museo de Belas Artes da Coruña nunha superficie duns 650 metros cadrados.

A mostra –unha exposición de tese como a celebrada no ano 2015 tamén no Museo de Belas Artes da Coruña– trata de analizar, desde diferentes miradas, a forxa e o carácter iniciático dos seus cimentos estéticos no período coruñés e como estes transcenderon ao futuro, tendo en conta elementos tan esenciais como os temas e as súas variables iconográficas, os conceptos ou a dimensión de moitas das súas ideas e as súas precoces experiencias coa linguaxe visual.

Algunhas das obras enmárcanse cronoloxicamente no período 1891-1895, os anos nos que viviu e se formou na Coruña; outras pertencen a etapas artísticas posteriores e reflicten esa pegada, motivos e elementos aprendidos nos seus anos coruñeses. O contido da exposición divídese en dez apartados temáticos:

  • A Academia. O seu primeiro contacto artístico, "coa escultura clásica".
  • As paisaxes. Un capítulo máis costumista. "Cremos que as primeiras paisaxes que pinta, e que non son copias de cadros, fainas na Coruña".
  • Os retratos. Son debuxos que se poden comparar con outros realizados tres décadas máis tarde –como o da súa filla Maya coa súa boneca– nos que se advirten poses e aproximacións que remiten aos anos formativos.
  • Caricatura e conciencia crítica. Tamén xorde na Coruña, sobre todo "polo seu contacto co que fora ministro republicano Pérez Costales, que foi o seu mentor". Picasso observa a realidade, le revistas políticas e satíricas onde hai caricaturas, que lle inspirarán máis adiante para as súas obras, entre elas o Guernica.
  • A escritura. Contén cartas e revistiñas que nunca chegou a enviar á súa familia cando estaba en Galicia, que mesturaban escritura e ilustracións.
  • O erotismo. "A arte nunca é casta, non é inocente".
  • O cubismo. A etapa cubista de Picasso non naceu na Coruña, aínda que os comisarios da mostra reflicten "o interese pola xeometría e a aproximación ás formas cúbicas, á horizontalidade mesturada coa verticalidade", que si teñen o seu xerme na etapa coruñesa.
  • Os grandes mestres. Por primeira vez coñece Picasso a obra de Velázquez cando vive na Coruña.
  • O pintor e a modelo. "Pecha o círculo". Son modelos de Picasso, o seu propio pai, ao que pinta na Coruña nunha posición na que parece que está pintando, e ao final da súa vida regresa a distintos modelos para as súas últimas obras.
  • Os mosqueteiros. O descubrimento na cidade da figura do mosqueteiro, un soldado de infantería de capa e espada, é outro dos elementos que forxan os perfís artísticos do pintor.

Esta exposición está comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira e conta coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña, e coa participación do equipo técnico-facultativo do museo.

Horario

A exposición poderá visitarse no horario habitual do museos e tamén contará cun horario extraordinario.

Apertura ordinaria

  • Martes a venres: 10:00 a 20:00 h
  • Sábados: 10:00 a 14:00 e 16:30 a 20:00 h
  • Domingos: 10:00 a 14:00 h

Apertura extraordinaria

  • Xoves e Venres Santos (6 e 7 de abril): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h
  • Día das Letras Galegas (17 de maio): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h
  • A Noite dos Museos (20 de maio): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 23:30 h
  • Día de San Xoán (24 de xuño): 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h
  • Último domingo de cada mes: 10:00 a 14:00 h e 16:30 a 20:00 h

Visitas

Visitas guiadas: https://museobelasartescoruna.xunta.gal/gl/actividades

Todas as visitas son gratuítas previa inscrición a partir do 10 de abril no correo electrónico actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal